Vendo as obras da autovía A-56 entre Sanmartiño e A Barrela


O pasado 12 de xuño publicaba unha entrada neste blog na que falaba da Autovía A-56 que unirá Ourense con Guntín e desde aquí terá continuidade ata Lugo a través da A-54 (Autovía Santiago-Lugo).



Pois ben, case catro meses despois da anterior data viaxei onte ata o  concello de Carballedo  e visitei as obras do tramo Sanmartiño- A Barrela en dous puntos:

Primeiro na localidade da Barrela, onde puiden ver o avance das obras coa construción dun paso elevado sobre a autovía, a traza en dirección Lugo e as obras do enlace con desvíos provisionais. Actuacións claramente avanzadas sobre a visita de xuño.

E logo no punto onde se constrúe o viaduto que salva o río  Bubal, vin  como xa están levantadas as pilas, os taboleiros e continuaban os traballos nel. Tamén vin claros avances na traza.

Estas fotografías ilustran o que vin e seguro que os técnicos na materia saberán describir moito mellor o que eu, un profano na materia, acaba de facer.

Lembro agora que o 28 de maio de 2019 preguntaba ao Goberno:

¿Cal é o grao de execución das obras do tramo  Sanmartiño- A Barrela da Autovía A-56? e “que, data do ano 2019 manexa o Ministerio de fomento para  por en servizo o tramo de 9,8  Km de lonxitude da Autovía A-56 entre  Sanmartiño- A Barrela?

E o 3 de xullo e 2019 o Goberno respostaba que estaba “executado o 67,71 %” das obras.

Máis o pasado 23 de setembro con ocasión do inicio das obras da estrada de conexión da N-536 coa N-120, en O Barco de Valdeorras, o Delegado do Goberno na sua intervención volveu a dar a mesma porcentaxe de execución do tramo do que falamos da A-56. Dato que pareceume sorprendente xa que daba a entender que as obras non habían evolucionado desde xullo.

Certamente, despois da miña visita, a miña impresión é que estas obras avanzaron pero que aínda quedan meses para rematar a obra e posibilitar a súa posta en servizo.

Seguirei pendente desta “eterna” obra, tan importante para o desevolvemento do interior das provincias de Ourense e Lugo.







Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es


Recibirá resposta


Con la tecnología de Blogger.