Eleccións Xerais 10N: Os candidatos do PP lembran a necesidade de revisar o sistema de financiamento local para dotar de máis recursos aos concellos


Esta mañá, acompañados polo alcalde popular de Ribadavia, César Fernández, os candidatos ao Congreso –Ana Vázquez e Celso Delgado- e ao Senado –Miguel Ángel Viso, Carmen Leyte e Francisco Fernández estivemos en Ribadavía.

Primeiramente visitamos as instalacións do Museo do Viño de Galicia situado na coñecida como casa reitoral de Santo André de Camporredondo. Trátase dun museo de titularidade autonómica que ten como finalidade a de recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio cultural vitivinícola de Galicia para o coñecemento, a aprendizaxe e o gozo da cidadanía, en xeral, e o aproveitamento e a consulta dos investigadores e estudosos do universo vitivinícola, en particular.

A exposición percorre as tres plantas deste edificio singular construído no século XVIII como casa de priorado para explotación vitícola dependente do Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela.

O museo dedica a súa exposición permanente ao cultivo da vide e ao proceso produtivo do viño ao longo da historia en Galicia. Por unha banda, a vinicultura (técnicas e sistemas do cultivo da vide) e, por outra, a viticultura (técnicas e coñecementos da elaboración do viño). Os paneis explicativos aúnan textos e ilustracións de gran calidade e acompáñanse con obxectos significativos relacionados con cada panel, como ferramentas, escritos, instrumentos técnicos, contedores etc.

A exposición permanente desenvólvese en oito salas, dedicadas cada unha delas a unha sección, que acollen, entre outras, pezas relacionadas co cultivo das cepas, tanto dende o punto de vista histórico como dende os ciclos tradicionais de colleita. Tamén teñen o seu espazo pezas significativas relacionadas con cada denominación de orixe do viño en Galicia, cunha sala dedicada en particular á comarca do Ribeiro. Por último, poden verse pezas sinaladas no proceso de elaboración do viño, dende que chega a uva á adega ata a súa conversión en viño.



Rematada esta interesante visita, mantivemos unha reunión de traballo, na que abordamos a necesidade de que os actuáis sistemas de financiamento autonómico e local sexan revisados para adaptalos ás novas realidades, tendo como obxectivo principal conseguir unha maior eficacia na prestación dos servizos.

Tomamos nota da petición do alcalde para que as vilas históricas e monumentais como Ribadavia, con numerosos bens protexidos, sexan apoiadas en futuras convocatorias do denominado “1,5 % cultural”, que periódicamente saca o Goberno central.

Os candidatos comprometémonos, ademais,  a procurar que vilas da categoría de Ribadavia, cun enorme potencial histórico, cultural, termal e turístico, teñan o apoio do Goberno central nos seus plans de promoción nacional e internacional, como complemento do traballo que neste ámbito está a realizar a Xunta de Galicia e dos proxectos que desenvolva o propio concello.

Precisamente o ámbito turístico nucleado en torno ao mundo do viño é unha excelente oportunidade para atraer máis visitantes á zona darlle pulo ao sector económico máis importante da comarca, no que tamén destaca outra área de especial significado pola singularidade como o termalismo, de gran éxito en Prexigueiro.




Con la tecnología de Blogger.