Sobre o meritorio traballo do Servizo de Gardacostas de Galicia


Poucas veces teño escrito neste blog sobre temas de pesca,  cecais pola miña condición de ourensán e dicir da provincia sen mar. Nembargantes no verán na localidade mariñeira de Baiona teño máis oportunidade de acercarme ao mundo da pesca e da problemática do furtivismo.
 Precisamente onte vin no peirao desa Vila vin entrar un barco do Servizo de Gardacostas de Galicia e por iso reseño a nova que divulga hoxe a web da Xunta de que “o Servizo de Gardacostas de Galicia realizou o mes pasado case 150 inspeccións de loita contra o furtivismo nas praias galegas e detectou un total de 67 infraccións. Estes datos supoñen un incremento nos dous casos de arredor do 75% respecto a xullo do ano pasado e son froito do reforzamento dos controis por parte do Executivo galego para atallar tanto o furtivismo considerado profesional como o coñecido como de bañador, realizado por bañistas e turistas. Así o destacou hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a súa visita ao posto da campaña de sensibilización á cidadanía Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear, na praia Grande de Miño.
A titular de Mar salientou que a actividade habitual dos gardacostas para frear a actividade irregular nas costas galegas debe complementarse no verán con inspeccións nos areais para evitar que os bañistas prexudiquen o traballo dos mariscadores e lastren os seus ingresos. Estas accións nas praias, lembrou, acompáñanse con iniciativas como a campaña de sensibilización dos cidadáns para facerlles comprender todo o traballo que implica o marisqueo -desde a sementeira do marisco ata a limpeza das praias- e o dano que causa aos profesionais do sector a súa extracción de xeito ilegal.
Por iso, o Executivo galego reforzou este ano as actividades da campaña Non sexas pirata! co obxectivo de levala ata 45 areais e 35 concellos, fronte ás 35 praias e 21 concellos visitados o ano pasado. Estas accións comezaron a mediados de xullo e desenvólvense ata que remate o mes percorrendo distintas localidades das tres provincias costeiras galegas.
“O obxectivo é concienciar aos turistas para que coñezan o traballo dos mariscadores, sexan responsables e non extraian marisco”, destacou Rosa Quintana, que lembrou que este é un problema socioeconómico, medioambiental e de saúde, posto que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal supón un risco para o consumidor ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale.
A campaña Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear engádese a outras accións de sensibilización da Consellería do Mar como o proxecto piloto desenvolvido no 2016 de entrega de 5.000 paipais en diversas confrarías da provincia de Pontevedra con mensaxes de concienciación. Outra é a aplicación móbil Non piques, non peques, que leva arredor de 12.000 descargas nas distintas plataformas móbil e que contén información sobre a época óptima de consumo dos produtos do mar.”

Con la tecnología de Blogger.