martes, 6 de agosto de 2019

Velar pola salubridade e hixiene dos aproveitamentos turísticos das augas termais e garantir a sustentabilidade ambiental

Noutra entrada deste blog falei da Lei de aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia que comeza agora a súa tramitación parlamentaria e que supón un importante paso que permitirá converter Galicia nun referente termal así como consolidar o turismo neste sector.

A nova normativa, que é pioneira en España á hora de ordenar o uso lúdico das augas termais, complementa a regulación existente no eido da súa utilización con fins terapéuticos non balnearios -dando resposta á nova realidade dun sector de actividade que presenta grandes potencialidades asociadas ao benestar a ao lecer- e busca impulsar e protexer este recurso, que é estratéxico para a Comunidade desde o punto de vista natural, patrimonial, cultural e turístico.

Tal e como explicou o conselleiro Francisco Conde, o texto foi elaborado coa participación dos principais axentes e sectores con intereses na materia, e distingue de xeito claro entre as augas termais destinadas a usos terapéuticos e preventivos, cun aproveitamento realizado en exclusiva en establecementos balnearios, tal e como xa recolle a normativa vixente; das augas termais destinadas a usos lúdicos, que se aproveitan en espazos e piscinas termais.

Estas últimas son as que se regulan neste proxecto de lei, que determina as liñas xerais do procedemento administrativo de outorgamento das correspondentes concesións ou autorizacións, fíxanse os dereitos e obrigas dos titulares dos aproveitamentos e prevese un réxime de inspección e sanción. Do mesmo xeito, a nova normativa establece un procedemento simplificado para a regularización dos aproveitamentos lúdicos preexistentes, outorgando un prazo dun ano.

Coa nova lei, preténdese velar pola salubridade e hixiene dos aproveitamentos turísticos das augas termais; garantir a sustentabilidade ambiental, mediante unha explotación racional que preserve o medio ambiente e o acuífero, tanto en termos de calidade como de cantidade; protexer a súa integridade como recurso natural, patrimonial e turístico, e promover o desenvolvemento económico e social das poboacións onde xorden augas termais, “permitindo fixar poboación e emprego no rural”, subliñou Conde.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou a importancia desta normativa para velar pola calidade do termalismo en Galicia e dotar de seguridade xurídica e garantías ao sector e aos clientes de iniciativas termais asociadas ao lecer que en moitos casos se converten en reclamo turístico. Salientou a importancia de avanzar nun eido como o termalismo, no que a Xunta está a traballar desde hai anos para o seu impulso turístico ao abeiro do Plan de Turismo Termal, co que se contribúe á formación do sector co apoio á Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago, recuperación e aumento da capacidade aloxativa dalgúns balnearios galegos, a colaboración no proxecto de xestión médica e documentación ou sinalización turística das vilas e recursos termais, entre outras.

Galicia é a maior potencia termal de España con 300 captacións de augas mineromedicinais, 21 balnearios ademais de talasos –con máis de 3.000 prazas hoteleiras, o que representa o 20% da oferta nacional– e recibe anualmente preto de 150.000 usuarios. Ademais, 7 dos 33 balnearios de España coa Q de Calidade Turística son galegos.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta