jueves, 4 de julio de 2019

A Xunta aprobou o proxecto da pimeira lei de garantía do abastecemento fin de adaptar a xestión da auga ao novo contexto climático e de blindar unha resposta ante situacións de seca ou de alerta sanitaria


Da actualidade política galega de hoxe, saliento que o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a Lei de Garantía do Abastecemento para garantir a subministración en cantidade e calidade axeitadas á poboación, reducir a vulnerabilidade dos sistemas e protexer a saúde pública fronte a situacións adversas como a seca.
O Proxecto de lei aprobado hoxe busca blindar o abastecemento de auga á poboación, tanto nos períodos de seca, como nos episodios puntuais nos que o consumo de auga pode entrañar un risco para a poboación. O presidente da Xunta incidiu en que esta norma nace da constatación de que Galicia necesita adaptar a xestión da auga ao novo contexto climático.
Sobre este punto lembrou que o episodio de seca máis recente, vivido en Galicia no ano 2017, puxo en evidencia que é necesario cambiar, con carácter xeral, o xeito de xestionar a auga, procurando unha maior eficiencia e evitando os súas perdas, o seu derroche ou o consumo irresponsable; e, que é necesario actuar e establecer anticipadamente con claridade o procedemento que se debe seguir no caso desa eventualidade de período de seca.
“É, polo tanto, unha Lei destinada a mellorar o funcionamento dos sistemas de abastecemento de auga e a coordinar de forma responsable a actuación en período de seca”, abundou.
Todo isto nun marco de colaboración institucional no que a Xunta asume de forma directa a responsabilidade de velar por que se cumpran eses obxectivos e garante o apoio técnico e financeiro aos concellos como responsables legais do deber de proporcionar auga á poboación. “Así, a Administración autonómica dará prioridade a aqueles municipios que aposten pola responsabilidade na xestión da auga”, precisou, expresando o desexo de que as deputacións provinciais se impliquen tamén, desde o seu labor de amparo aos concellos pequenos, para facilitar que todos os municipios poidan estar en condicións de garantir a auga á poboación.


Entre as medidas que contén a lei para acadar os obxectivos fixados destaca, en primeiro lugar, o reforzo da aposta pola planificación e a anticipación das respostas. E, desde ese convencemento, o novo texto recolle a obriga de Augas de Galicia de dispor dun Plan xeral de seca para a demarcación hidrográfica Galicia-Costa, indo máis alá do establecido na lexislación estatal: obrigando a que cada ano se realice un informe de avaliación sobre a aplicación e o funcionamento dese plan e que ademais cada seis anos se realice unha actualización total do documento.


En segundo lugar, afondarase no deber de que todos os concellos ou entidades titulares de sistemas de abastecemento con máis de 20.000 habitantes se doten dun Plan de emerxencia fronte á seca.
Para a elaboración deses plans, os municipios disporán de dous anos para elaboralos e contarán coa asistencia tanto económica como técnica da Xunta.
En relación á mellora das redes de abastecemento, a lei establece que vai ser obrigatorio dispor de contadores homologados de caudal tanto nos puntos de captación de auga como nos puntos de subministración final. O obxectivo é situar as fugas de auga das redes de abastecemento por debaixo do 20% fronte ao 40%, que se estima de perdas na actualidade.
En terceiro lugar, a norma clarifica tamén as responsabilidades de cada administración e os protocolos de actuación ante os diferentes escenarios de alerta por seca ou risco sanitario. Así, en función da situación concreta que determinen os indicadores, os concellos deberán ditar disposicións dirixidas ao aforro e restrinxir o uso de auga potable para fins secundarios.
Ademais, deberán executarse as actuacións identificadas como necesarias para garantir o abastecemento e a Administración Hidráulica de Galicia, pola súa banda, colaborará na avaliacións dos riscos, na valoración de medidas e, en caso de incumprimento, e cando os concellos non o fagan, poderá actuar subsidiariamente coa fin de asegurar a subministración de auga á poboación, quedando habilitada a autoridade sanitaria para realizar os controis oportunos da calidade da auga nas distintas infraestruturas de abastecemento.
Finalmente, o texto proporciona as ferramentas xurídicas necesarias para actuar con axilidade ante situacións que comprometan o abastecemento de auga. Desa forma, as medidas que sexa necesario adoptar en situación de seca ou risco sanitario levarán implícita declaración de utilidade pública e necesidade de urxente ocupación dos terreos e prevalecerán sobre outras normativas.
Feijóo concluíu facendo fincapé en que esta norma esixe a implicación de todos: cidadáns, empresas e administracións públicas.
Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou que se trata dun completo texto legal pioneiro que concentra toda a normativa aplicable ao abastecemento, desenvolvéndoa e creando figuras como a emerxencia por seca ou risco sanitario.
Subliñou a importancia de fomentar o consumo responsable de agua e a mellora da eficiencia dos sistemas de abastecemento co obxectivo de situar as perdas de auga por debaixo do 20% en 3 anos.
Tamén puxo en valor o emprego da planificación como a mellor garantía do abastecemento de auga en todas as situacións, evitando calquera tipo de improvisación cando baixan as reservas de auga. Neste sentido, fixo fincapé en que cómpre estar preparados desde a implicación de todos para facerlle fronte ao contexto de cambio climático.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta