sábado, 8 de junio de 2019

Feijóo solicita ao Goberno central que na súa planificación eléctrica inclúa como actuacións prioritarias a subestación de Vigo e as instalacións pendentes para garantir a chegada do AVE a Galicia

Do Consello da Xunta do pasado xoves destaco as manifestacións do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, sobre as medidas que a Xunta vén de remitir á Rede Eléctrica de España, co obxectivo de que o Executivo central as inclúa como actuacións prioritarias para Galicia na Planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica para o período 2021-2026, entre as que destacou a necesidade de construír a nova subestación de Vigo; así como as instalacións de todos os equipamentos que quedan pendentes para garantir a chegada do AVE a Galicia.
Nesta mesma liña, resaltou ademais a necesidade do desenvolvemento das subestacións e liñas de evacuación precisas para a posta en marcha de todos os parques eólicos previstos nos próximos anos.
Todas estas iniciativas céntranse, segundo Feijóo, na procura de tres obxectivos: desenvolver unha loita eficaz contra o cambio climático; impulsar a economía verde en Galicia; e responder aos novos retos que se presentan neste ámbito, como o autoconsumo e a implantación da mobilidade eléctrica.
Máis polo miúdo, e en relación á primeira medida, Feijóo explicou que para garantir un mellor servizo eléctrico en Galicia, tanto no que se refire á seguridade da subministración como á redución de perdas de enerxía durante o seu transporte, entre as actuacións que a Xunta clasifica como prioritarias está a nova subestación de Vigo. Deste xeito, a cidade e o seu entorno pasarían dunha tensión actual de 132kV a contar con 220kV.
Feijóo lembrou que esta demanda xa fora incluída polo anterior Executivo de España na planificación da rede eléctrica que existe actualmente, coa previsión de levarse a cabo no ano 2020. “Seguimos insistindo en que se pode e se debe comezar esta actuación de forma inmediata”, valorou.
Ao longo da súa intervención, incidiu tamén no obxectivo de seguir impulsando o compromiso coas enerxías limpas na comunidade: con 18 parques eólicos en construción, aos que se sumarán novos proxectos que están na última fase de tramitación, coa previsión de rematar 2020 con 4.000MW de enerxías renovables en funcionamento.
Baixo esta previsión, e ás infraestruturas de evacuación xa programadas na planificación 2015-2020 para acadar os 6.700MW, o presidente galego subliñou que a Xunta acaba de solicitar ao Goberno que inclúa 2.300MW máis no período 2021-2026. Deste xeito, a comunidade podería alcanzar os 9.000MW e atender toda a demanda que propón a día de hoxe o sector eólico galego.
En relación á alta velocidade, o titular da Xunta fixo fincapé en que o Goberno galego considera estratéxico levar a cabo a instalación de todos os equipamentos que quedan pendentes para que exista unha completa electrificación do trazado do AVE na nosa Comunidade.
Ao longo da rolda de prensa, Feijóo trasladou a necesidade de que estas peticións non se atrasen nin se dilaten máis, “porque son fundamentais –recalcou- para os nosos intereses estratéxicos” e para dar continuidade ao traballo que se está a realizar desde Galicia a prol do aproveitamento do seu potencial enerxético a partir de fontes renovables. Non en van, o Goberno galego está a desenvolver as Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020, coas que se impulsa a colaboración público-privada para investir máis de 3.000 millóns de euros e permitir a creación de 12.000 empregos neste sector.
Dentro deste compromiso, cómpre lembrar que o vindeiro 17 de xuño se abrirá a convocatoria do programa de axudas do Plan Moves, dotado na comunidade con 2,6 millóns de euros para impulsar a compra de 500 vehículos eléctricos ou alternativos (gas natural ou gas licuado de petróleo). 

E, ese mesmo día, rematará o prazo para presentar solicitudes á orde de axudas de autoconsumo eléctrico, dotada con 1,5 millóns de euros e dirixida a administracións locais, universidades, entidades sen ánimo de lucro e empresas (tanto grandes como pemes).
Vou tratar de facer desde o Congreso dos Deputados un seguimento a estas importantes medidas.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta