Sobre a Axenda de Impulso da Industria Forestal 2019-2021


Da actualidade política galega de hoxe saliento que o  presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou posta en marcha da Axenda de Impulso da Industria Forestal 2019-2021 co fin de modernizar o tecido empresarial deste sector; estimular a demanda e fomentar a utilización da madeira nas novas construcións e contribuír á creación dunha sociedade sustentable, baixa en carbono e baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.
Tal e como se informou hoxe no Consello da Xunta, esta Axenda coordinada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), nace da participación activa do tecido asociativo para a identificación de retos e tendencias e o deseño de accións que permitan xerar un maior valor na cadea monte-industria, sempre en liña con obxectivos de desenvolvemento sustentable e as estratexias europeas de innovación. 
Como documento aberto e receptivo á inclusión de novas propostas, tamén se manterán encontros cos diferentes axentes sociais para que poidan contribuír coas súas suxestións. Na práctica, valerase do fomento do talento, da innovación e da competitividade, poñendo en marcha medidas que promovan o uso da madeira nos eidos da construción; en sectores estratéxicos da economía galega como a automoción, o naval ou o téxtil; como fonte enerxética; ou como elemento de referencia no deseño e na saúde. 
Prevese que o conxunto de medidas postas en práctica poidan mobilizar máis de 125 M€, ofrecer axudas a 350 pemes e formar a 5600 persoas ata o ano 2021. En concreto, a Xunta apostará por fomentar o uso da madeira –sobre todo local– na construción, por seguir impulsando o sector contract galego, e por introducir na Comunidade, de xeito decisivo, novos modelos de edificación sustentable. 
A súa utilización permitirá crear novas oportunidades laborais no eido rural e unha industrialización que requira o mínimo emprego posible de enerxía, optimizando os recursos. Os principais beneficiarios serán os cidadáns, que gañarán en eficiencia térmica, insonorización e confort. En definitiva, o Goberno galego busca impulsar medidas para estimular a demanda e promocionar o emprego da madeira nas novas edificacións en Galicia. Así, tal e como se recolle na propia Axenda, desde a Administración autonómica promoverase a apertura de novos equipamentos públicos construídos en madeira. 
Outras iniciativas previstas para garantir a execución de proxectos en madeira local será o traballo de promoción con prescritores e empresas tractoras –como é o caso de Finsa– e consumidores. 
Enerxía, sectores estratéxicos e deseño 
A Axenda tamén recolle a redución dos consumos enerxéticos e cambiar as fontes de combustible tanto na produción de electricidade e calor, así como promover o uso de biocombustibles, en que o emprego dos restos da industria forestal teñen un papel destacado. 
Co obxectivo de mellorar a competitividade de sectores estratéxicos galegos como a automoción, o naval ou o téxtil, preténdese tamén impulsar a súa colaboración coa industria forestal para desenvolver novos produtos, procesos e mercados a través da bioeconomía circular. Por outra banda, apostarase polo uso da madeira no deseño para a saúde. Entre estes exemplos destaca o deseño biofílico que promove a utilización de madeira en interiores, mellorando o confort e reducindo o estrés, cos consecuentes efectos positivos sobre a saúde; ou o desenvolvemento de nanocelulosas que serven de excipiente nos medicamentos e facilitan a fabricación de próteses.
Obxectivos da Axenda 
Coa aplicación destas medidas, a Axenda de impulso da industria forestal en Galicia pretende incrementar nun 6 % a facturación (200 M€ máis ata alcanzar os 2.400 millóns de euros) e os empregos directos (ata alcanzar os 21.000 postos de traballo), así como aumentar nun 10 % o uso de elementos non estruturais na construción. 
Para conseguilo, a Axenda valerase do talento, favorecendo a incorporación de profesionais cualificados como deseñadores industriais, enxeñeiros e arquitectos nas empresas; da innovación, avanzando no desenvolvemento de produtos derivados da biomasa para uso industrial, novos usos de composites ou na obtención de novos produtos para o seu uso no téxtil; e na mellora da competitividade a través da posta en marcha das construcións exemplares e do fomento de reformas e rehabilitación de equipamentos de uso colectivo a través do contract.
 Deste xeito, a Xunta apostará polo fomento e posta en valor dun material autóctono e reciclable como é a madeira, o que permitirá impulsar a economía galega favorecendo un crecemento sustentable.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.