Da actualidade política de hoxe, saliento a
comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade Ethel Vázquez a
petición propia no Pleno do Parlamento galego para informar da planificación
que segue a Xunta para continuar a avanzar na axeitada xestión do ciclo
integral da auga, unha materia na que Galicia vén evolucionando de forma moi
positiva nos últimos anos.
Destacou o salto cualitativo experimentado por Galicia
na última década en materia de saneamento, acadando a capacidade para depurar
as augas residuais de 3,3 millóns de habitantes equivalentes, fronte aos 1,8
millóns do ano 2009. Sinalou o desafío de completar e xestionar de forma
axeitada as infraestruturas hidráulicas construídas, para o que reclamou a
imprescindible implicación dos concellos e das deputacións provinciais.
Entre esas iniciativas destacan as 45 novas depuradoras construídas, que
achegaron capacidade para dar servizo a 1,5 millóns de habitantes equivalentes,
o que supón máis da metade da poboación de Galicia.
Puxo como exemplo a depuradora de Lagares, en Vigo, a
obra hidráulica máis importante executada nos últimos anos, á que a Xunta
achegou 80 millóns de euros. Referiuse tamén ao saneamento de Ribeira, que
permitiu cumprir cos requisitos comunitarios, cun investimento de 18M€, así
como o saneamento da Ría do Burgo, ao que a Xunta destinou 100 millóns de
euros, conseguindo recuperar a actividade marisqueira, pasando de clasificación
C a B.
A conselleira demandou que o gran esforzo realizado
pola Xunta nesa ría sexa correspondido agora polo Goberno central e teña
continuidade coa rexeneración e dragaxe da ría do Burgo, que debe acometer o
Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Ethel Vázquez destacou tamén os bos resultados
acadados co esforzo realizado, de forma que hoxe o 90% das aglomeracións
urbanas cumpren a directiva europea en materia de depuración, fronte ao 50% que
se rexistraba no ano 2009.
A mellora ponse de manifesto tamén na mellora
experimentada pola calidade das augas: no ano 2009, o estado das augas das rías
era bo nun 67% delas, mentres que agora o é no 76% das augas, o que representa
un incremento porcentual de case 10 puntos nos últimos anos.
A conselleira afirmou que cómpre seguir avanzando para
conseguir o saneamento integral das rías galegas e detallou as actuacións
planificadas para conseguilo. Referiuse así á próxima licitación das obras de
mellora da depuradora de Viveiro e á construción dunha nova Edar en Foz, así
como ás obras en marcha para o saneamento da enseada da Malata, en Ferrol, na
que a Xunta inviste 7 millóns de euros; ou ao proceso iniciado para mellorar a
depuradora de Praceres, en Pontevedra, en fase de adxudicación.
Ademais, explicou que a Xunta continúa a apostar polos
plans de saneamento local como ferramentas eficaces para acadar a mellora da
calidade das augas das rías, e avanzou que se está a traballar xa, ademais de
no da ría de Pontevedra, no de Cee e Corcubión, Ares e Betanzos e Noia.
Ethel Vázquez quixo tamén destacar a eficacia da
campaña de control de vertidos que desenvolve Augas de Galicia, que permitiu
eliminar medio millar de vertidos contaminantes, dos cales a meirande parte
afectaban ás rías.
Na súa intervención, a conselleira puxo o acento na
necesidade de que os concellos e as deputacións provinciais se impliquen coa
Xunta na correcta explotación dos sistemas de saneamento e depuración, para
exercer correctamente as competencias municipais e garantir o bo funcionamento
das infraestruturas.
Coidado e protección dos ríos
Xunto con isto, a conselleira destacou o intenso
traballo que desenvolve Augas de Galicia na xestión, protección e custodia dos
ecosistemas fluviais, un labor no que chamou á implicación do conxunto da
sociedade.
Co obxectivo de facilitar a implicación cidadá na
correcta conservación dos ríos, a Xunta está a ultimar a tramitación dun
decreto que facilita a execución de obras menores, entre elas as de
conservación e limpeza no dominio público hidráulico.
![](https://1.bp.blogspot.com/-fdIwo5QcsG4/XP_LeI5hX9I/AAAAAAAAU4M/6YEymUXvNVIa_GJ_5TVYXw_NGRWRMa3wACLcBGAs/s320/image_gallery%2B%25281%2529.jpg)
Este labor, sinalou, cobra especial importancia nun
momento en que o cambio climático incrementa o risco de inundacións e é preciso
garantir o correcto estado de conservación dos ríos para minimizar os perigos á
poboación.
Garantir o abastecemento de auga
Precisamente, a conselleira de Infraestruturas e
Mobilidade dedicou parte da súa comparecencia a detallar as actuacións que está
a desenvolver a Xunta para contribuír a que a xestión da auga por parte dos
concellos se adapte ao novo contexto de cambio climático, no que se incrementan
os riscos tanto de inundacións como de seca.
![](https://1.bp.blogspot.com/-_bD0kwDRcaw/XP_Lk61IDlI/AAAAAAAAU4Q/vF-ns--yXH8DK7x2zgG8ohq-nI4qBE7rQCLcBGAs/s320/image_gallery%2B%25282%2529.jpg)
Así, detallou que desde 2009, Augas de Galicia
desenvolveu máis de 300 actuacións en materia de abastecemento que beneficiaron
a 186 municipios galegos.
Referiuse á necesidade de que os concellos se doten de
instrumentos axeitados para poder xestionar episodios de seca, e subliñou o
obxectivo do Goberno galego de continuar a colaborar nese traballo. Por ese
motivo, a Xunta convocará proximamente a primeira orde de axudas para que as
entidades locais se doten dos seus propios plans de emerxencia fronte á seca.
Recibirá resposta