sábado, 29 de junio de 2019

Feijóo: “non queremos ser un expoñente do problema que supón o cambio demográfico, senón un referente na busca de solucións”


Como daba conta o 20 de xuño neste blog, en Galicia naceron en 2018, 16.550 nenos, un 10,3 % menos. E en Ourense 1.486, un 13 % menos que no ano anterior.

Pois ben, diante deste monumental problema, celebro que o pasado  xoves o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciara que o Consello da Xunta iniciaba a tramitación da Lei de impulso demográfico, que converterá a Galicia na primeira comunidade en contar cunha norma neste eido. Feijóo destacou que “non queremos ser un expoñente do problema que supón o cambio demográfico, senón un referente na busca de solucións”.
Informa a web da Xunta que esta lei achega o marco normativo para afrontar o cambio demográfico, “o maior desafío que afronta Galicia a medio e longo prazo”, incidiu o presidente da Xunta. Deste xeito, as persoas que queren ter fillos contarán con axudas económicas, como, por exemplo, a Tarxeta Benvida -mellorada para as familias que viven no rural- ou o Plan de apoio ás familias numerosas. Ademais, contarán con medidas de impulso á conciliación, como a prioridade nos concursos públicos para as empresas máis comprometidas con esta cuestión.
Ademais, ampliarase a medida de esixir que todas as nenas e nenos matriculados nas escolas infantís leven o seu calendario de vacinación ao día. En primeiro lugar, estenderase a necesidade de solicitar o calendario de vacinas a todas as escolas infantís que conten con financiamento público e, en segundo lugar, as que non o fagan deberán avisar cun cartel que nese centro non se esixe que todas as nenas e nenos estean axeitadamente vacinados.
Feijóo incidiu en que Galicia será pioneira “porque consideramos que un Goberno que pense no futuro ten que ter a demografía entre as súas grandes prioridades” e engadiu que esta lei contará con compromisos orzamentarios concretos. Deste xeito, este texto legal blindará que durante cinco anos o orzamento en Familia se incremente de forma constante e sustentable. Para executar as medidas que inclúe prevese un investimento anual de máis de 700 millóns de euros.
A Xunta aspira a contar coa colaboración de concellos e deputacións para o cal se inclúen dúas medidas no articulado da lei: a creación dun subfondo específico para políticas demográficas dentro do Fondo de Cooperación Local e a posta en marcha da Comisión de Impulso Demográfico.
Para concluír, o presidente da Xunta sinalou que esta lei se orienta a tres aspectos fundamentais: o fomento do retorno e a atracción de nova poboación; o equilibrio territorial, para o que se defino o novo concepto Responsabilidade Social Territorial; e, finalmente, o envellecemento activo.
Pola súa banda, a conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou a vocación de consenso e permanencia da Lei, pois ten en conta as liñas mestras de actuación que aprobou por unanimidade o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, así como o seu carácter transversal ao implicar na súa elaboración e desenvolvemento ao conxunto do Goberno galego. Neste sentido, indicou que “facer de Galicia o mellor lugar para formar unha familia é un obxectivo común que non debe entender de ideoloxías”, e engadiu que este novo marco normativo “é a semente dunha política demográfica reforzada, cuxos resultados, se temos éxito, comezarán a percibirse dentro duns anos”.
Fabiola García centrou en oito bloques o contido da Lei, relacionados coas distintas áreas de intervención nas que se pode incidir para darlles ás familias que queren ter fillas e fillos todas as facilidades. Estes son: a maior coordinación das Administracións públicas, os criterios xerais de actuación da Xunta en materia demográfica, medidas de apoio ás familias, o fomento da conciliación, o apoio á mocidade, o impulso do retorno das galegas e galegos no exterior e atracción de nova poboación, o equilibrio territorial e o envellecemento activo.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.