Aprobado o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia


Saliento nestra entrada que onte o Consello da Xunta aprobou o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2019) elaborado pola Consellería do Medio Rural. 

Informa a Xunta que :”este documento, que foi presentado a pasada semana ao Consello Forestal, é unha actualización anual da planificación que se leva a cabo nesta materia e incorpora melloras en todo o relacionado coa prevención, detección, extinción, investigación e formación do servizo de loita contra os lumes.

Así, entre as novidades destacadas para este ano atópase o emprego de drons para apoiar tanto as tarefas de vixilancia e detección como de apoio na extinción e investigación dos incendios. Mellórase, deste xeito, a vixilancia móbil, reforzando especialmente as zonas de alta actividade incendiaria. Así mesmo, estes vehículos aéreos non tripulados usaranse tamén para vixiar o cumprimento das obrigas canto a xestión da biomasa nas franxas. Os drons levarán cámaras de vídeo e térmicas, estas últimas pensadas sobre todo para actuar de noite.

En canto ao persoal e aos medios, mantense o esforzo de anos anteriores, cun dispositivo moi semellante ao das últimas campañas, malia que con maior presenza no tempo dos efectivos sobre o territorio (así, o persoal fixo descontinuo da Xunta permanecerá despregado ao longo de cinco meses, en lugar de catro, como foi o caso do ano pasado). En total, serán máis de 7.000 as persoas implicadas no operativo, contabilizando as da propia Xunta, da Administración do Estado e dos concellos, apoiadas por unha trintena de medios aéreos e por 360 motobombas, entre outros medios.

Administración local

Outra novidade que recolle o Pladiga ten que ver co reforzo da colaboración coa Administración local para o exercicio das competencias en materia de prevención. Neste sentido, cómpre lembrar a recente sinatura dunha addenda ao convenio subscrito entre a Consellería do Medio Rural, Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a protección das aldeas, unha iniciativa que se integra no Pladiga 2019. Tamén en relación coa prevención, apóstase por potenciar o emprego de queimas controladas para a xestión da biomasa, unhas tarefas para as que se elaborará un protocolo específico de actuación.

No eido da sensibilización social e do fomento da colaboración cidadá contra a actividade incendiaria, unha mellora introducida este ano é a posta en marcha dun teléfono específico e gratuíto de denuncias anónimas, un servizo que estará operativo a partir da época de alto risco de lumes.

Por outra banda, mellórase tamén a vixilancia fixa, coa incorporación de 30 novas cámaras de última xeración, que se suman ás 88 xa instaladas na Rede de videovixilancia forestal, polo que se disporá dun total de 118. Con elas cubriranse 200.000 hectáreas máis de territorio galego, a maiores dos 1,6 millóns de hectáreas xa abarcadas (o que supón máis da metade da superficie da nosa comunidade). Neste eido tecnolóxico outra mellora será o desenvolvemento dun proxecto piloto para contar con alertas temperás en puntos estratéxicos do territorio que recollan observacións meteorolóxicas fiables.

Trátase de dispor de datos permanentemente actualizados da contorna en que se poida estar a producir un incendio forestal, avaliando variables como a dirección e velocidade do vento, a temperatura, a humidade ou a pluviometría. Formación.

Tamén se vai reforzar a formación de persoal, coa realización de 15 cursos diferentes centrados en aspectos como a seguridade, os primeiros auxilios, a dirección e coordinación de grandes lumes, a investigación ou a condución de vehículos todoterreo e motobombas, entre outros. Trátase, así, de afondar así na consolidación dun dispositivo público, único e versátil.

No marco da normativa, o Pladiga incorpora o compromiso de elaborar un novo borrador da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, contando coas achegas do propio persoal do servizo. Por outra parte, axústase o número de parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI), de acordo coa evolución da cifra de lumes rexistrados e a súa virulencia nos últimos anos nestas zonas. 

Como consecuencia, diminúe en seis o número de PAAI con respecto ao pasado ano, pasando a ser 71 en total."

Con la tecnología de Blogger.