Indignación é a sensación que me
causaron as palabras da candidata de Unidas Podemos á Comunidade de Madrid,
Isabel Serra cuestionando as doazóns da
Fundación Amancio Ortega para a renovación do equipamento tecnolóxico nos
hospitais públicos. Dixo que “a sanidade pública non pode aceptar doazóns de
Amancio Ortega. Débese financiar con impostos. Os mesmos que esquiva e elude
Inditex. 600 millóns en tres anos”, por suposto todo iso sen achegar nengunha proba de
tal acusación. Estas lamentables declaracións foron secundadas por outros altos
responsables de Podemos, como Pablo Iglesias e Echenique.
A todos eles dígolles, e creo recoller o
sentir da inmensa maioría dos cidadáns de Galicia que estamos moi agradecidos a
INDITEX e ao Sr. Amancio Ortega en primeiro lugar polo emprego e a riqueza que
crea na nosa Comunidade e no conxunto de España, que por suposto se traduce en
inxentes ingresos fiscais e en cotizacións a seguridade social para as arcas públicas.
E en segundo lugar por estas doazóns
da Fundación Amancio Ortega á sanidade pública, un dos alicerces básicos do
noso estado do benestar.
Un programa que vén desenvolvendo desde
o ano 2015 en apoio á renovación do equipamento tecnolóxico nos hospitais
públicos, concretamente na área de diagnóstico e tratamento radioterápico do cancro. O programa iniciouse
en Galicia e Andalucía, en outubro de 2015 e maio de 2016, respectivamente. E
nos primeiros meses de 2017 estendeuse ao resto das comunidades autónomas. Cada
unha das consellerías de sanidade definiu os equipamentos concretos a adquirir
de acordo cos seus propios plans estratéxicos de modernización e renovación
tecnolóxica, e a adquisición realízase mediante procedementos administrativos
públicos. Cunha dotación global de máis de 300 millóns de euros, esta
intervención da Fundación Amancio Ortega vai permitir a instalación de tres
centenares de equipos de última xeración coas máximas prestacións dispoñibles
no mercado.
Sinalar que o 22 de outubro de 2015 foi asinado
entre o SERGAS e a Fundación Amancio Ortega un
Convenio para doazón pola segunda dun total de 17 millóns de euros, adicados a
adquisición, instalación, actualización e posta en funcionamento de diverso
equipamento.
O convenio, con vixencia ata 2023, consiste
nun contrato de colaboración entre o sector público e o sector privado para
dispoñer dunhta solución global que cubra as necesidades de realización de
probas e procedementos de diagnóstico por imaxe, intervencionismo, medicina
nuclear e radioterapia –o que se denomina alta tecnoloxía-, no Sergas.
En concreto, da dotación de novos
aceleradores liñais e mamógrafos dixitais e das obras necesarias de adaptación
dos espazos nos que se instalarán estes equipos, Tratábase se da “maior doazón
que tivo o Servizo Galego de Saúde, non só polo cuantitativo, senón polo
cualitativo”.
Os equipos foron instalados en
centros do Servizo Galego de Saúde espallados por toda Galicia. En concreto, os
mamógrafos instalaronse nos hospitais de Barbanza (Ribeira), Virxe da Xunqueira
(Cee), Arquitecto Marcide e Novoa Santos (Ferrol), Clínico Universitario de
Santiago, Abente e Lago (A Coruña), Meixoeiro (Vigo), Montecelo (Pontevedra),
Hospital da Costa (Burela), Hospital de Monforte, Ambulatorio Plaza Ferrol
(Lugo), Hospital de Valdeorras e a Xefatura Territorial de Sanidade de Ourense;
no Hospital do Salnés e na Xefatura Territorial de Sanidade de Pontevedra. E no
Hospital de Verín. Dótanse, en total 16 centros.
Os beneficios mais
destacables destos mamógrafos son: a mellora da calidade da imaxe, xa que
aumenta a sensibilidade e especificidade do programa en mulleres
premenopáusicas ou con mamas moi densas e posibilita utilizar novas técnicas
para detectar tumores invasivos e disminuir necesidade de probas adicionais; a
mellora no proceso clínico, ao posibilitar a avaliación inmediata polos
radiólogos e integración das imaxes na historia clínica electrónica; e, por
último, o aforro de custos na xestión diaria do programa, xa que non se
necesitan nin placas radiolóxicas convencionais, nin equipos nin líquidos de
revelado.
No que se refire aos aceleradores, estamos a falar da renovación
dun importante número de equipos, mellores e máis seguros para os pacientes.
Instalaranse un total de dez aceleradores, e actualizaranse dous equipos xa
existentes.
Dito todo anterior ¿Como se poden cuestionar estas doazóns ?
Señoras e señores de PODEMOS, pidan desculpas e rectifiquen. Non atenten contra o sentido común.