Xerais 2019: Feijóo: “Pablo Casado é o presidente que lle convén a Galicia, porque lle importa Galicia e España”


Hoxe tamén en Compostela o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que Pablo Casado é o presidente que máis lle convén a Galicia e que Pedro Sánchez é o candidato que prefiren tanto Podemos como os nacionalistas e os independentistas: “Pablo Casado é o presidente que lle convén a Galicia, porque lle importa Galicia e España” e porque cre na igualdade de todos os españois e se enfronta aos problemas e dá a cara; non como o Goberno de Pedro Sánchez que non está axudando aos traballadores do sector industrial galego.

Para Feijóo, Pablo Casado non só é o candidato do Partido Popular nestas eleccións, senón que tamén é o candidato de Galicia para a presidencia do Goberno de España, xa que, tal e como recordou, mentres Pablo Casado visitou a nosa Comunidade oito veces, Pedro Sánchez, ningunha como presidente do Executivo.

Durante un mitin en Santiago, onde estivo acompañado polo presidente nacional do partido, o líder do PPdeG salientou que nestas eleccións hai dous posibles presidentes: Pedro Sánchez, o candidato dun PSOE que cada vez é menos PSOE, de Podemos, dos independentistas cataláns e de Batasuna-Bildu; ou Pablo Casado, o presidente dos que prefiren un goberno para todos, que xestione e libre de improvisacións.

UN GOBERNO QUE ATENDA OS PROBLEMAS DE GALICIA

O líder do PPdeG destacou que un Executivo de España que atenda os problemas de Galicia, que fale do que lle interesa á nosa comunidade e que defenda os seus postos de traballo só é posible co Partido Popular. Así, indicou que, se Pablo Casado é presidente, Alcoa terá futuro e as familias que venden madeira poderán seguir vendendo madeira.

Por outra banda, dixo que hai unha maioría ampla de españois que prefire outro goberno, para o que apelou á unión das forzas nas urnas. Tal e como incidiu Feijóo, cantos máis votos a partidos que non sexan o Partido Popular, máis posibilidades de que Pedro Sánchez continúe; e, pola contra, cantos máis votos ao PP, máis posibilidades de que haxa outro goberno.

O líder do PPdeG fixo fincapé en que, precisamente, Pedro Sánchez prefire a Ciudadanos e a Vox porque son a división do voto que el necesita para que lle saian as contas e seguir na Moncloa.



Con la tecnología de Blogger.