Na posta en servizo da nova ligazón de conexión da autoestrada AP-9 coa Cidade da Cultura en Santiago de Compostela


Asisto hoxe á posta en servizo da nova ligazón de conexión da autoestrada AP-9 coa Cidade da Cultura en Santiago de Compostela Centro, na provincia da Coruña. O investimento total realizado ascende a 3,58 millóns de euros.

Ao acto de apertura asistiron o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, o presidente a Xunta Alberto Núñez Feijóo e o alcalde de Santiago Martiño Noriega entre outras autoridades.

A nova ligazón, no km 70 da AP-9, permitirá mellorar non só a accesibilidade cara ao centro de Compostela (Fontiñas, Sar), senón que tamén aliviará a conxestión existente en horas punta no nó de Santiago Norte  (km 67).

Con esta ligazón, Santiago de Compostela dispón dunha nova e importante conexión viaria coa complexo Cidade da Cultura e o seu centro histórico a través do periférico da cidade ( SC-20), o que supón estar mellor preparada no seu camiño cara ao xa próximo Ano Santo 2021.

Estas obras deron os seus primeiros pasos con decisións tomadas pola ministra de Fomento Ana Pastor son froito do convenio subscrito en setembro de 2016 entre a Administración Xeral do Estado (sendo ministro de Fomento en funcións, Rafael Catalá) a Xunta de Galicia (Axencia Galega de Infraestruturas), a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Autoestradas do Atlántico, para a construción desta nova ligazón que foi aprobado polo Real Decreto 343/2016 do 23 de setembro (BOE do 26 de setembro de 2016).

As obras foron licitadas en xullo de 2017 e o 18 de abril de 2018 o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, puxo a primeira pedra e agora na etapa de José Luis Ábalos son inauguradas.

De acordo con este convenio, as obras foron executadas polo Ministerio de Fomento, o proxecto foi redactado pola Axencia Galega de Infraestruturas ( AXI) e as expropiacións foron realizadas pola Xunta de Galicia, achegando a Fundación Cidade da Cultura terreos da súa titularidade. Finalmente a concesionaria Audasa encargarase da conservación e explotación desta ligazón.

Características Técnicas.

Construíronse os catro ramais de entradas e saídas da ligazón cos seus correspondentes carrís de aceleración e  deceleración. Executáronse tres novas glorietas, unha delas na marxe Este e dous máis na marxe Oeste da AP-9. As novas glorietas e ramais permitirán todos os movementos entre a AP-9 e a Cidade da Cultura e Santiago Centro, ao conectarse co viario local dos barrios de Fontiñas e Sar, constituíndo unha nova entrada cara ao centro da cidade de Santiago de Compostela ao conectarse co periférico de Santiago  SC-20.

A nova ligazón no km 70 da AP-9, foi coordinada coas obras de ampliación de capacidade da AP-9, recentemente executadas.

Para a execución das obras deberon realizarse as seguintes actuacións: reposición de servizos afectados, obras de terras, drenaxes lonxitudinais e transversais, afirmados, sinalización horizontal e vertical, balizamento e defensas, cerramentos e reposicións de viarias existentes
Foi preciso realizar distintas fases de desvíos de tráfico minimizando sempre a afección á circulación.

A zona afectada foi tratada  medioambientalmente,  revexetando os noiros e as zonas onde se actuou, e repúxose os distintos elementos de iluminación e mobiliario urbano.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE FEIJÓO

Durante a posta en servizo deste enlace o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou  que o Goberno galego seguirá traballando para, entre todos, defender os intereses de Galicia e que se cumpra coas infraestruturas clave para a Comunidade, entre as que destacou: a transferencia da AP-9, o Enlace do Orbital de Santiago, comprometido nos orzamentos de 2018 e a axilización dos prazos de finalización dos treitos pendentes da Autovía Lugo-Santiago.

Incidiu, deste xeito, na importancia de proseguir coas grandes obras do país, con independencia dos sobresaltos políticos que leva vivindo España de forma ininterrompida desde 2016. Así, referiuse, nun primeiro termo, á transferencia da Autoestrada do Atlántico; “unha demanda na que estamos de acordo todos os grupos da Cámara galega”, recordou.
Así mesmo, insistiu en que o Executivo galego seguirá traballando co Goberno de España que saia das urnas para poñer proporcionalidade nas peaxes, “porque os galegos non podemos financiar os 1.400 millóns de euros que supón o convenio asinado polo Ministerio de Fomento con Audasa, para financiar as obras e os gastos de conservación e financeiros que supuxo facer a ampliación da Ponte de Rande e a circunvalación”, abundou, ao tempo que reiterou tamén a necesidade de bonificacións do 25% en cada viaxe, sempre que sexa de ida e volta no mesmo día.
“Os intereses de Galicia son permanentes, con independencia do período no que os galegos poidamos elixir ao Goberno de España”, sinalou, reiterando a importancia de levar a cabo o enlace orbital e a A-54, con vistas á celebración do Xacobeo 2021.
En relación á posta en servizo do enlace da AP-9 coa Cidade da Cultura, o titular do Goberno galego, aseverou que este acceso, que beneficiará directamente aos barrios de Fontiñas, Concheiros e Sar, contribuirá, ademais, a desconxestionar a saída norte da autoestrada, completando a funcionalidade desa gran obra de ampliación da capacidade da circunvalación de Santiago, posta en servizo a comezos de 2018, en presenza do entón presidente Mariano Rajoy.
“E estamos a falar, ademais, dunha conexión que, con apenas 1,6 quilómetros e tres glorietas, multiplicará a proxección da Cidade da Cultura como patrimonio dos galegos”, sinalou, lembrando que este complexo, que xa funciona como un potente foco de acción e difusión da cultura galega, está reforzado tamén pola humanización de toda a contorna do Monte Gaiás, desenvolvida pola Xunta a través do Bosque de Galicia; e, especialmente, polas obras que xa están en execución para a construción do Edifico Fontán.

O presidente do Goberno galego concluíu a súa intervención subliñando esta obra como un exemplo máis de colaboración entre administracións e fundamental para a vertebración da Autoestrada do Atlántico e da cidade de Santiago; “e para que a Cidade da Cultura sexa realmente a Cidade da Cultura de Galicia”.

Parabéns a todos os responsables políticos que impulsaron estas obras, que como dixo o Delegado do Goberno, Javier Losada "son exemplo de normalidade democrática e lealdade institucional"

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.