A Comisión de Orzamentos, que se reúne en varias sesións de mañá e tarde entre o luns 28 e o xoves 31 de xaneiro, é a que ten previstas máis comparecencias, un total de 18 persoas, entre elas o gobernador do Banco de España, as secretarias de Estado de Orzamentos e Gastos, de Facenda, e de Economía e Apoio á Empresa; os presidentes da Axencia Tributaria (AEAT), da AIREF, do Instituto de Crédito Oficial (ICO), do FROB, e da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI); e os presidentes do Centro de Estudos Sociolóxicos (CIS), da Corporación RTVE, e da Axencia EFE.
Ao longo da semana reuniranse tamén as comisións de de Agricultura, Pesca e Alimentación; Asuntos Exteriores; Ciencia, Innovación e Universidades; Cultura e Deporte; Defensa; Economía e Empresa; Educación e Formación Profesional; Fomento; Igualdade; Industria, Comercio e Turismo; Interior; Xustiza; Política Territorial e Función Pública; Sanidade, Consumo e Benestar Social; Traballo, Migracións e Seguridade Social; e Transición Ecolóxica. A estas sesións acudirán máis de sesenta altos cargos dos departamentos correspondentes con rango inferior a ministro, a solicitude dos grupos parlamentarios.
A Comisión de Fomento, que presido, terá a súa sesión de comparecencias o luns vinteoito de xaneiro.
A tramitación do proxecto de Orzamentos para 2019 comezou tras a entrega oficial por parte da ministra de Facenda, María Jesús Montero, á presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, do proxecto aprobado o 11 de xaneiro en Consello de Ministros. A Mesa do Congreso, tras escoitar á Xunta de Portavoces, acordou o calendario de tramitación dos PGE, que establece un prazo de ata dous meses para o seu debate e, no seu caso, modificación e aprobación por parte da Cámara Baixa, e ordenou a súa publicación, que se produciu o 16 de xaneiro.
Procedemento de tramitación:
En paralelo á celebración destas comparecencias, está aberto o período para rexistrar emendas á totalidade que no caso dos PGE só poden ser de devolución, non de texto alternativo. Unha vez concluído este prazo, o 8 de febreiro ás 14.00 horas, o proxecto será sometido ao seu primeiro exame parlamentario: o debate de totalidade, durante o 12 e 13 de febreiro.
Recibirá resposta