Presentados os actos conmemorativos do Centenario da Coral de Ruada

Hoxe foi presentado o programa de actividades que se desenvolverá ata xuño de 2019 para conmemorar o centenario  da Coral de Ruada .

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente e vicepresidente desta senlleira agrupación musical, Samuel Lago e Emilio Rodríguez, informaron sobre as actividades, que contan co apoio da Deputación de Ourense, e que abranguen concertos, exposición, conferencias, descubrimento de placas conmemorativas, audicións e proxeccións de filmes, poñendo en valor a traxectoria cultural e musical da Coral de Ruada ao longo dun século. No acto de hoxe, ademais, presentouse o estandarte do centenario da coral, que recolle o escudo da institución e a data do seu centenario: 1918-2018.

O presidente da Deputación de Ourense destacou á Coral de Ruada como “gran embaixadora cultural e musical de Ourense, que mantén a vixencia do seu espírito fundacional: a defensa da nosa identidade”, expresou, afirmando que “todo o que se poida dicir da Cora de Ruada é pouco, unha institución centenaria e de sona que traspasa fronteiras e que é un exemplo do mantemento da nosa tradición musical, un dos tesouros da provincia de Ourense”.

Pola súa parte, o presidente da Coral de Ruada, agradeceu á Deputación de Ourense o seu apoio e colaboración, e explicou que o éxito da coral non é só “pola afección ao canto, senón porque foi capaz de manterse neste mundo globalizado e, por elo, é un espello no que mirarse para moitos coros”. Asemade Samuel Lago salientou o vínculo que existe entre a agrupación musical e Ourense afirmando que “a cidade das Burgas non sería sen o río Miño e tampouco o sería sen a Coral de Ruada”.

A fundación da Coral de Ruada remóntase ao 5 de outubro de 1918 en Villa Joaquina, na avenida de Zamora, baixo o nome de “O Coro de Ruada”, e presentouse ao público ourensán o día 24 de xuño de 1919, no desaparecido Salón Apolo, por iso, os actos previstos para conmemorar o seu centenario desenvolveranse entre estas dúas datas tan importantes na historia desta entidade musical. Entre os actos programados figuran concertos, conferencias, publicacións, exposicións, homenaxes e actos institucionais, entre outras actividades que se celebrarán desde o mes de outubro de 2018 ata o mes de xuño de 2019, explicou Emilio Rodríguez.

Neste sentido, o vindeiro 15 de decembro terá lugar a colocación dunha placa conmemorativa na beirarrúa da avenida de Zamora, á altura de Villa Joaquina, onde tivo lugar a reunión fundacional da Coral de Ruada; o 22 de decembro celebrarase unha misa-concerto de Nadal na parroquia de María Auxiliadora, e o día 28, o tradicional Concerto de Nadal da Coral de Ruada na catedral de Ourense. Posteriormente, o día 3 de xaneiro terá lugar o Concerto de Reis na parroquia de Santiago das Caldas, para continuar ao longo dos vindeiros meses, ata xuño de 2019, coas demais actividades do centenario.

Finalmente lembrar que o pasado 29 de novembro coñecíamos a nova de que a Comisión Filatélica do Estado na súa reunión celebrada o 8 de novembro aprobara a emisión dun selo de correo  conmemorativo do Centenario da Primeira actuación da Coral “De  Ruada”, quedando por conseguinte a mesma incluída na programación de emisións de selos de correo e demais signos de franqueo para o ano 2019.

Agardemos que todos estos actos conmemorativos sexan un éxito.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.