domingo, 2 de diciembre de 2018

Importantes investimentos da Xunta no Concello de Ourense para mellorar a mobilidade e reforzar a seguridade


Da actualidad política desta semana saliento o protocolo de colaboración selado entre a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, no que se sentaron as bases de colaboración entre a Xunta e o Concello para promover un contorno urbano cada vez máis accesible e seguro. Un investimento de máis de 9,7 millóns de euros en un total de 16 actuacións, para mellorar a mobilidade e reforzar a seguridade nas vías de titularidade autonómica integradas no tecido urbano da cidade de Ourense.

Indicou Ethel Vázquez que o departamento de infraestruturas da Xunta será a encargada de financiar e executar as obras e, unha vez estean finalizados os traballos, o Concello de Ourense asumirá a titularidade daqueles treitos de estradas que queden configurados con características de rúa urbana. Un total de 5,7 km de vías autonómicas pasarán a ser de titularidade municipal, sendo así máis acorde coas necesidades e usos actuais, dixo. 

Concretou que esta intervención cómpre cos obxectivos do Plan de Seguridade Viaria 2016-2010 e que permitirá traballar en 3 eidos de varias estradas autonómicas da cidade das Burgas, mellora da seguridade viaria e da integración urbana, mellora do firme e das beirarrúas e Plan de Sendas de Galicia.

Lembrou que as intervencións que neste momento ten en marcha na cidade o departamento que dirixe, como por exemplo na rúa Otero Pedrayo ou no núcleo de Seixalbo, estarán rematadas no primeiro semestre do vindeiro ano.


Avanzou que xa se teñen en tramitación avanzada o resto de proxectos que están contemplados no protocolo de colaboración asinado hoxe.

Referiuse así ás melloras nas rúas Concordia, Progreso, río Arnoia, Avenida das Caldas ou a 2ª fase da Ponte Vella, presentada recentemente, ás que se suman á mellora na rúa Marcelo Macías. Tamén está previsto na contorna do tanatorio de Seixalbo unha nova obra neste núcleo de poboación, que completará os traballos que están en execución agora mesmo.

Ademais, as actuacións prevista no protocolo completaranse coa execución de 6 sendas que se atopan dentro do Plan de Sendas de Galicia para esta cidade. Itinerarios para peonís máis seguros en Reza, Ponte Sevilla, A Rabaza ou Perdigón, entre outras.

En definitiva, subliñou, actuacións todas elas que teñen como obxectivo final a mellora da seguridade viaria e a mellor integración urbana da rede de estradas de titularidade autonómica da cidade de Ourense. E segundo abundou, busca   conseguir vías de tránsito e mobilidade máis seguras, adecuar os viais á realidade da súa contorna e diminuír as situacións de risco, especialmente para os usuarios máis vulnerables das estradas.

Ethel Vázquez incidiu en que esta intervención e todo un exemplo de traballo conxunto entre administracións –autonómica e local- para traballar en rúas significativas do tecido urbano,  e veñen a completar as xa feitas nestes últimos anos, como a renovación da ponte do Milenio, a iluminación da pasarela de Oira ou a 1ª fase da posta en valor da Ponte Vella, entre outras.

Neste sentido, fixo fincapé en como coa conxunción de esforzos e con traballo conxunto sempre xorden máis e mellores proxectos, sendo proba clara Ourense, mentres noutras capitais galegas a Xunta de Galicia inviste con dificultade.

A conselleira sinalou que, proba da facilidade da colaboración con Concello de Ourense, só a Axencia Galega de Infraestruturas executara aquí obras por importe de 4,5 millóns de euros, que sumados ao protocolo asinado hoxe fan un total de máis de 14 M€ en catro anos. E, aos que se poderían engadir investimentos de outros departamentos da consellería como a estación Intermodal ou as obras de saneamento.

Celebrar esta suma de esforzos e de colaboración entre Xunta e Concello para facer cidade e para que os veciños de Ourense vexan reforzada a súa seguridade viaria, a fluidez no tráfico e, en consecuencia, vexan incrementada a súa calidade de vida.