Sobre a 2ª fase de posta en valor da Ponte Vella

Saliento hoxe unha nova que foi difundida o pasado venres, que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo, Manuel Vila, e o alcalde, Jesús Vázquez, presentaron o proxecto da 2ª fase de posta en valor da Ponte Vella, cuxas obras comezarán antes do vindeiro verán, incluíndo a mellora da zona da capela dos Remedios.

Vázquez Mourelle destacou que a Xunta está a achegar un investimento global de 1,5 millóns de euros na potenciación da Ponte Vella e todo o seu contorno, xa que aos traballos presentados hoxe, cun orzamento dalgo máis dun millón de euros, cómpre sumarlle o medio millón xa investido na 1ª fase.

Este proxecto está enmarcado na colaboración entre as consellerías de Infraestruturas e Mobilidade, a de Cultura e Turismo e o Concello de Ourense, que posibilitou que en 2016, xa se levara a cabo a conservación e restauración da infraestrutura, así como a retirada da tubaxe que a cruzaba. Tamén se efectuou un cambio da iluminación, con luminarias led, de cara a realzar a monumentalidade da ponte vella e potenciar o seu atractivo turístico.

Avanzou que agora se dá un paso máis avanzando na 2ª fase, tal como se tiña comprometido. Aínda que se farán traballos na ponte, actuarase máis sobre o contorno, coa mellora da zona da capela dos Remedios e o espazo inmediato coa Ponte Vella.

Liberarase a zona hoxe ocupada polo parque de skate, que se reconstruirá no barrio do Couto, para acadar un espazo amplo e aberto que sirva de antesala á capela e como conexión coa ponte e a oficina de turismo.

Ethel Vázquez indicou que se favorecerán as conexións peonís desde distintos puntos da cidade cara a este conxunto patrimonial, coidando o mobiliario e creando un espazo máis humano, pensado para o desfrute de veciños e turistas.

Concretou que se habilitará un miradoiro desde o que poder contemplar a Ponte Vella, o río Miño e todo o contorno da capela dos Remedios.

Salientou que estas accións permitirán realzar a monumentalidade da Ponte Vella e da capela dos Remedios, ao tempo que os amantes do skate contarán cun espazo propio para a práctica deste deporte, máis adaptado e mellor integrado no contorno urbano.

Subliñou que se trata dun conxunto de accións para lograr un espazo de continuidade que poida ser aproveitado polos veciños como lugar de desfrute e encontro, e tamén como punto de referencia obrigada para todos os turistas que se acheguen ata Ourense.  

Fixo fincapé en que o río Miño e as pontes que o cruzan forman parte indisoluble da identidade e do potencial turístico desta cidade. Así, o Executivo autonómico tamén acometeu a renovación da Ponte do Milenio, actuando sobre a estrutura.


Celebro o anuncio de novas obras neste entorno da Ponte Vella que hoxe pola mañá percorrin, facendo estas fotografías.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.