A Coral “De Ruada” terá un selo de correo en 2019, que conmemorará o centenario da primeira actuación

Este mes recibimos unha carta de D. Jesús M. Gómez García, Subsecretario do Ministerio de Fomento, pola que comunicaba que a Comisión Filatélica do Estado na súa reunión celebrada o 8 de novembro aprobara a emisión dun selo de correo  conmemorativo do Centenario da Primeira actuación da Coral “De  Ruada”, quedando por conseguinte a mesma incluída na programación de emisións de selos de correo e demais signos de franqueo para o ano 2019.


E hoxe no salón de plenos do  Concello de Ourense, foi difundida esta boa noticia nun acto que presidiu o alcalde Jesús Vázquez e no que interviñeron Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial, Avelino Rodríguez, representante de Correos en Ourense e o presidente da Coral, Samuel Lago.

Tamén acudín eu a este acto a petición da directiva da Coral, pola participación que tiven para axudar á concesión deste selo con diversas xestións en Madrid, que fixen encantado.

Hai que recoñecer o magnífico e tenaz traballo de Samuel Lago como do vicepresidente, Emilio Rodríguez Portabales, que achegaron moita e boa documentación ao expediente que se tramitaba no máximo órgano filatélico do Estado.

A Coral “De  Ruada” - fundada en 1918 cos primeiros ensaios baixo a dirección de Daniel González Rodríguez- tivo o 24 de xuño de 1919 a súa primeira actuación no desaparecido Salón Apolo de Ourense, de modo que se cumprirán en 2019, 100 anos desa efeméride. O selo conmemorará este fito.

Desde aquela data veu conservando a tradición e a cultura galega a través da excelencia artística e musical, e facendo felices a moitas xeracións.

Recibiu numerosos e prestixiosos recoñecementos públicos e distincións, entre as que destaca a placa de ouro do Centro Galego de Buenos Aires, a bandeira do Concello de Ourense, a Medalla de Ouro do Liceo Ourensán, a Medalla de Ouro da cidade de Ourense, a Medalla Castelao, entre outras, ademais de gravar nos seus discos e interpretado en auditorios de todo o mundo as cancións máis fermosas e populares da nosa música.

Felicidades, e oxalá que o selo, que coñeceremos en 2019, leve a imaxe desta querida Coral polo mundo enteiro.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.