domingo, 11 de noviembre de 2018

Entregado en Bos Aires o premio “Ourensanía” 2018 ao Centro Partido do Carballiño e o Centro Ourensano de Montevideo

Chegan noticias desde Bos Aires de que hoxe o Centro Partido do Carballiño e o Centro Ourensano de Montevideo, dúas entidades senlleiras na emigración ourensá en Arxentina e Uruguai, recibiron, de man do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o premio “Ourensanía” 2018, un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais. Un premio que os representantes de ámbalas dúas colectividades, Emilio Nogueira e Pablo Fernández Rivero, recibiron emocionados polo que supón de recoñecemento ao traballo dos emigrantes ourensáns e o vínculo que sempre mantiveron coa súa terra.

Día a nota de prensa que: "No acto celebrado esta mañá nun abarrotado Centro Galicia da capital bonaerense, coa presenza de centos de emigrantes ourensáns e as súas familias, o presidente do goberno provincial destacou que a Ourensanía “é unha ambición de seu que os nosos emigrantes levan por todo o mundo”, afirmando: “Con este galardón, o de maior e máis íntimo significado entre os que concede a Deputación de Ourense honramos a dúas institucións exemplares da diáspora: o Centro Partido do Carballiño en Bos Aires, que celebrará dentro de poucos días o seu centenario, e ao Centro Ourensano de Montevideo, que conta con máis de setenta anos de ininterrompida andadura, levando a cabo un meritorio labor”.

Na súa intervención na clausura do acto, Manuel Baltar puxo o acento na importancia da colectividade ourensá en Arxentina e Uruguai, “que alenta unha parte substancial do futuro de Galicia”. “Cando en Europa remanecen ventos ábregos, cando rexurde a insolidariedade, quédanos a nós, aos galegos e ourensáns, a esperanza que representa esta gran nación Arxentina”.

O presidente da Deputación
remarcou que a Ourensanía “está dentro e fóra dos lindes da provincia de Ourense; podemos atopala en calquera localidade, país ou continente, alí onde resida un ourensán. Así, o noso territorio afectivo, a nosa xeografía vital, pródiga en augas mineiro-medicinais, podería simbolizarse co fluír das augas quentes, as que curan os males do corpo e do espírito desde tempos remotos”, engadindo que grazas á Ourensanía “a nosa provincia chega a todos os mares do mundo e facémolo con cordialidade, a base de traballo e esforzo, e tamén con humor intelixente”.

Cosmopolitismo integrador

Baltar expresou que os ourensáns practicamos un “cosmopolitismo integrador”, “estamos instalados na cultura do mestizaxe, unha mestura que enriquece, abre inmensas posibilidades e estimula a creatividade. Alí onde queira que cheguemos, o primeiro que facemos é adaptarnos, mesturarnos coa tradición, respectar os costumes e asimilar todo o mellor, sen esquecer nunca a nosa propia identidade”. E salientou: “En ningún sitio, en ningunha cultura, por diferente que sexa á nosa, nos sentimos incómodos, pois a  integración é un dos nosos maiores méritos, quizás o máis relevante”.
O xurado do premio ditaminou conceder o premio Ourensanía na súa oitava edición a estas dúas institucións, “por promover a Ourensanía na colectividade galega de ambos países”, e porque “marcaron un tempo, o da emigración masiva a América, no que Ourense estivo moi presente", segundo recolle a acta do xurado.

"A Ourensanía non só esta presente na provincia de Ourense -destaca o xurado-, senón que chega a todas as partes do mundo alá onde hai un ourensán". Destacados galeguistas, como Rodolfo Prada, albacea de Castelao, propulsaron a creación nos anos 40 do século pasado do Centro Ourensano de Bos Aires, casa común do galeguismo, “desde onde o propio Castelao desenvolveu o seu labor político e artístico no exilio bonaerense ao longo dunha década", sinala o xurado.

Fusionados nos anos 80 os catro centros provinciais nunha única institución -o Centro Galicia de Bos Aires-, a Ourensanía pervive en ámbalas dúas cidades do Plata, Bos Aires e Montevideo, a través das institucións hoxe galardoadas: o Centro Partido do Carballiño en Bos Aires, que estes días cumpre o seu centenario, e o Centro Ourensán de Montevideo, con máis de setenta anos de historia, a institución máis antiga de Sudamérica que leva o nome de Ourense na súa denominación.

Acto de emoción e sentimento

O acto contou no apartado musical coa participación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e do gaiteiro Marco Foxo, quen interpretaron temas do folclore galego, ademais dos himnos de Arxentina e Ourense, nun evento caracterizado pola emoción e o sentimento que transmitiron os vídeos nos que se lembrou a traxectoria histórica e social de ámbalas dúas entidades galardoadas, e tamén nos discursos por parte dos premiados; do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e do mantedor do acto, o escritor Luis González Tosar.

Manuel Baltar entregou aos representantes do Centro Partido do Carballiño e do Centro Ourensán de Montevideo senllas figuras de bronce, obras do escultor Xosé Cid, así como as copias das actas co ditame do xurado, nunha celebración que, ademais de merecida homenaxe, foi unha sentida aperta á historia da emigración ourensá.

No acto, presentado polo xornalista Fernando Méndez, lembrouse a personalidades que foron recoñecidas en anteriores edicións.

Esta é a primeira vez que a gala do premio Ourensanía trasládase fóra da provincia de Ourense, para homenaxear nesta edición especial a quen tanto fixo pola nosa terra, un acto que percorreu a lembranza, o sentimento e a ilusión polo futuro que representa a emigración ourensá.

O xurado do premio Ourensanía 2018 estivo integrado por José Manuel Baltar Blanco, presidente, e como vogais por: Eva Torres Rodríguez, Luís González Tosar, Virxilio Rodríguez Vázquez, Jesús de Juana López, Miguel Anxo Fernández Fernández, Juan Luis Saco Cid e, como secretario, Antonio Piñeiro Feijóo, quen deu lectura á acta que recolle o ditame do galardón.

O evento rematou coa interpretación por parte da Real Banda de Gaitas da obra “Ourense no solpor”, composición de Manuel de Dios, declarada himno oficial da provincia pola Deputación de Ourense."


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta