Galicia foi pioneira na implantación dun programa específico de inventariado e xestión da conservación das pontes de titularidade autonómica


Neste verán foi noticia de impacto a caída da ponte Morandi, en Génova, o pasado 14 de agosto, causando 43 mortos. Inmediatamente  abriuse en todo o mundo- un debate sobre a seguridade das pontes e viadutos.
Relacionado co anterior, saliento que hoxe a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, destacaron o investimento duns 19 millóns de euros en intervencións de mellora nas pontes desde o ano 2009 co fin de garantir a seguridade dos usuarios. Engadiu que Galicia foi pioneira na implantación dun programa específico de inventariado e xestión da conservación das pontes nas estradas de titularidade autonómica sobre o cal hoxe presentou un balance en rolda de prensa.

Vázquez Mourelle destacou que a Xunta vén prestando especial atención á obras de conservación extraordinaria, polo que desde o ano 2009 se levan investido uns 31 millóns de euros neste concepto. Así, estas accións diríxense tamén a obras de emerxencia, restablecemento de noiros e muros ou actuacións de drenaxe.

Fixo fincapé no esforzo investidor do Executivo autonómico no eido da conservación das estradas, cun orzamento anual, en 2018, duns 55 millóns de euros, en accións que contemplan os reforzos de firme, actuacións singulares ou as medidas ambientais.

A Xunta, no marco destas actuacións ordinarias, desenvolve o Plan de reforzos de firme, que se impulsou en 2016 para mellorar a capa de rodadura de máis de 1.000 km de estradas, destinando máis de 26 millóns de euros nos dous primeiros anos e reforzando este ano o orzamento coa achega de 20 millóns de euros.

Programa específico para pontes e obras de paso

A titular de Infraestruturas subliñou que a Xunta dispón dun Programa específico de seguridade das pontes e das obras de paso, a través do que se levan a cabo actuacións de inspeccións periódicas e constantes en todas as estruturas das estradas autonómicas co fin de anticiparse a posibles futuros problemas.

Indicou que con este programa específico se supervisa de forma permanente o estado destes elementos; se mantén actualizada a información sobre o seu estado de conservación; e se promoven as actuacións preventivas que se consideran necesarias.

Trátase dun sistema de seguridade e inspección de estruturas que permite ter un coñecemento máis completo da rede viaria, do seu estado de conservación, tanto desde o punto de vista estrutural, como da súa evolución de deterioro no tempo e, por suposto, desde o punto de vista da seguridade dos usuarios.

Este mecanismo posibilita coñecer de maneira detallada as necesidades de intervención en cada ponte ou obra de paso e deseñar, proxectar e executar estas actuacións de conservación, optimizando os recursos económicos e priorizando segundo criterios técnicos obxectivos.

A conselleira indicou que os resultados deste sistema permiten transmitir unha mensaxe de tranquilidade ao respecto do bo estado de conservación das estruturas existentes nas estradas autonómicas, pois non chega ao 1% as pontes que precisaron da realización dunha inspección especial, máis profunda, aconsellada tras os controis periódicos.

Concretou que aínda nestes casos, as inspeccións en profundidade levadas a cabo non teñen evidenciado danos estruturais graves, tan só a necesidade de rehabilitacións puntuais ou tratamentos preventivos de cara a atallar deterioros futuros. Para isto, a Xunta redacta o correspondente proxecto e acomete as actuacións nun espazo curto de tempo.

Exemplos de intervencións

O Goberno galego xa realizou intervencións deste tipo na Ponte da Illa de Arousa, cunha rehabilitación estrutural do formigón e accións para paliar a corrosión e as fisuras causadas polo mar.

Outras actuacións están en marcha, por exemplo, na Ponte da Barca, en Pontevedra, cunha renovación da marquesiña e da ponte, na que se van empregar materiais máis duradeiros, máis acordes co medio e mellor integrados na paisaxe.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez tamén prevé obras de reparación da varanda da ponte Ceilán, na estrada AC-550, entre Noia e Outes, da que xa se ten redactado o proxecto, para a súa execución ao longo de 2019; o arranxo dos apoios na ponte do Río Deva, entre Cortegada e Padrenda; a rehabilitación da Ponte da Misericordia, en Viveiro; e a mellora e posta en valor de Ponte Nafonso, en Outes.

A conselleira sinalou que o labor de inspección e actuación en estruturas tamén é moi importante, ao ter en conta que as estradas galegas dispoñen dunha rede viaria que, pola súa antigüidade ou pola súa singularidade, hai que conservar. Son exemplos construcións históricas como a Ponte de Bibei, en Ourense.

Cómpre lembrar que a rede de estradas autonómica ten 1.837 estruturas cunha lonxitude de máis de tres metros entre piares (dos cales o 76% está situados sobre curso de auga); 170 km de pontes nos 5.500 km de vías autonómicas; e 1 estrutura en cada 3 km de estradas,1 cada 300 m en vías de alta capacidade.


Con la tecnología de Blogger.