viernes, 14 de septiembre de 2018

Na Convención de Cargos Públicos do PP de Ourense

O Partido Popular é todo un exemplo de dedicación, compromiso e lealdade con Ourense, tamén con Galicia, con persoas e ideas que nos permirtirán revalidar a confianza dos ourensáns”, afirmou o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, durante a oitava Convención de Cargos Públicos desta formación celebrada nos Milagros, a que asistín.

Un encontro no que tradicionalmente os populares ourensáns inician o novo curso político, marcado nesta ocasión polas eleccións locais de 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoó, tamén participou neste acto, no que ademais se presentaron catro relatorios baseados en experiencias referidas á vida municipal. 

No salón de actos do antigo centro educativo dos Milagros, o presidente provincial puxo o énfase no 9 de xuño de 2019, cando se celebrarán as eleccións europeas e municipais. As primeiras, dixo, “importantísimas polo contexto antieuropeísta que se vive na nosa contorna”. As segundas “porque son as nais de todas as eleccións e estamos perfectamente capacitados para seguir facendo historia en Ourense”. 

Referíase Manuel Baltar ao obxectivo que se marca o PP provincial para as locais do próximo ano, “que non é outro que superar o récord histórico de 71 alcaldías e para iso –engadiu- necesitamos compromiso, responsabilidade, dedicación, falar ben de nós, da nosa capacidade e das nosas propostas; sabemos como facelo e sobre todo facelo”.

Se ata o de agora o Partido Popular demostrou crer en Ourense, subliñou o presidente provincial, “agora imos demostrar que sentimos Paixón por Ourense”, o lema desta convención e do próximo periodo local que se aproxima.

Pero ademais, apuntou Baltar, das eleccións municipais sairá o próximo goberno da Deputación, “a mellor cooperadora dos concellos, de aí que tamén teñamos que pensar en clave provincial”.

Manuel Baltar tivo palabras de agradecemento para o presidente do PPdeG, Alberto Núñez, “que nunca faltou a ninguna das oito edicións desta convención”, tamén para os relatores e para o anfitrión, o portavoz municipal no Concello de Baños de Molgas, do que anunciou a súa candidatura ás locais de 2019. 

EXPERIENCIAS DA VIDA MUNICIPAL

A convención popular incluíu no seu programa a presentación de catro relatorios, referidos na súa totalidade ás distintas vivencias e experiencias que implica a participación na vida política local e municipal.

O primeiro en intervir foi Jesús Vázquez, presidente da xunta local do PP de Ourense Cidade e alcalde da capital, para quen ás portas do ano electoral compre realizar o máximo esforzo, “e con moita ilusión porque hai que conseguir explicar o traballo realizado como representantes políticos”. Vázquez explicou o modelo de cidade que quere, baixo o lema “Ourensanamente”, apostando por escoitar e achegarse máis á veciñanza, comunicando mellor.

Nunha intervención moi emotiva e persoal, a concelleira de Cultura e Turismo de Boborás, Patricia Torres, defendeu o rural asegurando que a crave de todas as oportunidades está en crer, “mudando as mentalidades, dándose conta de que se pode poñer en valor o territorio e devolvéndolle a ilusión aos veciños”.

Cunha defensa do ideario popular, “o partido que máis cre nos concellos”, a alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, afirmou que a verdadeira política local “é o cara a cara cos veciños, facéndolles particípes das decisións que tomamos e implicándolos nos proxectos que lles presentamos; so así renovarán a confianza en ti e no teu partido”.

Na convención deste ano estrenouse como relator Ricardo Perea, membro da xunta local do PP do Carballiño, que deu un paso á fronte desde a militancia “para implicarme activamente no partido”, avogando por “aumentar o grao de participación dos veciños na vida política” e defendendo ao PP como o partido “máis capacitado para atopar as solucións que a xente precisa”.