Comezan as obras da estación de autobuses intermodal de Ourense


Hoxe o traballo parlamentario no Congreso impedíume asistir en Ourense  ao acto de inicio das obras da estación de autobuses intermodal.

Nel a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e o alcalde, Jesús Vázquez, salientaron que o inicio das obras da estación de autobuses intermodal prepara  Ourense para a chegada do Ave, cun investimento de case 11 millóns de euros que inclúe tamén o aparcamento soterrado de máis de 300 prazas.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe o inicio das obras  e explicou que a Xunta quere facer realidade unha estación intermodal de futuro adaptada ás necesidades de transporte dos cidadáns e garantiu que a terminal de autobuses estará rematada cando se poña en servizo o AVE en Galicia.

O Goberno galego vén de comezar os traballos na terminal de autobuses integrada na estación intermodal, deseñada por Norman Foster. Estase a traballar no acondicionamento do acceso para facilitar a entrada da maquinaria á obra, iniciándose o baleirado e  demolición dos dous edificios, que co actual aparcadoiro e a praia de vías, ocupan parte do espazo no que se asentará a terminal de autobuses.

Mentres se leva a cabo a obra do aparcadoiro habilitarase, de forma provisional, unha zona de estacionamento en parte do espazo que ocupará a futura estación de autobuses. Deste xeito, conseguirase avanzar prazos e garantir que as obras do aparcadoiro e da propia estación de autobuses se poidan acompasar e executar ao mesmo tempo.

Esta terminal de autobuses contará con 13 dársenas de operación e 3 de regulación e cun edificio de máis de 700 m² construídos, para albergar os diferentes servizos como a venda de billetes, consigna, oficinas ou aseos.

A nova terminal enmárcase na 1ª fase deste gran proxecto da intermodal de Ourense, recollendo tamén a construción dun aparcadoiro subterráneo con 300 prazas, que darán servizo á terminal ferroviaria, á de autobuses e ao barrio da Ponte.

Ethel Vázquez subliñou que nestes momentos está pendente asinar o convenio específico entre a Xunta, o concello e Adif, para o desenvolvemento do aparcadoiro. Neste sentido, concretou que o Adif está impulsando os últimos trámites para a contratación do aparcamento e que Ourense poida contar coa estación intermodal que necesita.

Adiantou que xa nunha 2ª fase das obras, que desenvolverá o Ministerio de Fomento, procederase á adaptación da terminal de ferrocarril, á integración urbana e á conexión cos barrios da Ponte e do Vinteún.

Fixo fincapé no traballo conxunto entre administracións para levar a cabo a integración estética e funcional das dúas estacións e lograr o encaixe perfecto para garantir o intercambio áxil e seguro entre o bus e o tren e facilitar a mobilidade de veciños e usuarios.

Parabéns a Concello, Xunta e Adif.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta


Con la tecnología de Blogger.