domingo, 26 de agosto de 2018

Na Festa da Vendima de Leiro


Asisto hoxe a A XXIX edición da Festa da Vendima de Leiro, na que foi exaltado o cultivo da vide que xera unha importante riqueza na comarca, cun completo programa de actividades. Esta celebración naceu no ano 1963 como un proxecto promocional do Viño do Ribeiro composto por diversas accións.

A Festa da Vendima de Leiro é "un acto que pecha as actividades festivas da nosa comarca, sendo o último acto de exaltación do noso produto estrela, o viño do Ribeiro", sinalou o alcalde de Leiro. Así mesmo, Francisco José Fernández explicou que esta celebración pretende "exaltar os labores agrícolas e de adega que se realizan para ao final conuseguir o viño do Ribeiro".

O programa de actividades comezou ás 10.00 horas coa recepción de Acios ao concurso, para continuar ás 11.30 horas coa recepción a autoridades e convidados na Casa do Concello. Ás 12.00 horas tivo lugar a lectura do pregón que nesta edición correu a cargo de Marcos Pereiro, de "Mucha e Nucha", na praza do Cruceiro.

 O tradicional desfile de carrozas e charangas desde a rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Feira tivo lugar ás 12.30 horas, e a esa mesma hora, tivo lugar a segunda edición de coches clásicos. Ás 14.00 horas comezaron as actividades instaladas no Salgueiral co XV Mercado Artesanal no que participaron"26 artesáns e tamén se celebrou a primeira Mostra dos Viños de Leiro, continuando ás 14.30 horas co xantar popular.

A Mostra dos Viños de Leiro foi unha das novidades deste ano que pretende rememorar o feito de que a primeira acción cooperativista de Galicia naceu en Leiro e para exaltar as bodegas que temos no municipio", explicou o alcalde de Leiro, quen dixo que "participarán 8 bodegas incluíndo as dúas cooperativas porque hai viticultores de Leiro que suministran uva a estas cooperativas".

A entrega de premios aos gañadores dos concursos de Acios e Carrozas tivo lugar ás 16.30 horas e despois da entrega de premios houbo actividades infantís e continuou a festa no Salgueiral. O deporte chegará ás 17.45 horas coa celebración do partido de presentación do C.F. Leiro contra o C.F. Cortegada. Ás 20.00 horas será a quenda para a música co concerto de Corais da Vendima e ás 21.00 horas tamén haberá unha actuación musical como peche das actividades da xornada.