Coñecendo os proxectos das precandidatas á presidencia do Partido Popular


Recibimos esta semana en Ourense a visita de dúas precandidatas á presidencia do Partido Popular, que acudirán a sede provincial para presentar aos militantes os seus proxectos. En ambos casos foron presentadas polo presidente provincial, Manuel Baltar

O Xoves estivo Soraya Sáenz de Santamaría que manifestou que “O PP mira moito para Ourense, porque o PP de Ourense é un exemplo do que temos que facer para volver a gañar”,

Acompañada por Fátima Báñez, deputada por Huelva e ex ministra de Emprego, Sáenz de Santamaría dixo presentarse á presidencia do PP nacional “porque creo que podo axudar ao meu partido a gañar as eleccións municipais de 2019 e porque podo gañar a Sánchez nas próximas xerais”.

O Partido Popular, engadiu, “ten que estar a punto para recuperar un goberno que lle arrebataron inxustamente aos españois”. Este é un momento moi importante para os afiliados e para España, dixo, “xa que temos a oportunidade de elixir non só ao presidente do noso partido senón tamén a quen vai ser o candidato á presidencia do goberno”.

E onte venres estivo María Dolores de Cospedal, que manifestou que “o  22 de xullo imos saír do congreso con máis fortaleza que nunca e cun liderado forte para gañar as eleccións” e amosou a súa satisfacción por poder estar en Ourense, “unha provincia que é un exemplo de como gañar e facelo por maioría absoluta conseguindo os mellores resultados de toda España”.

A precandidata, que debuxou un escenario político e de goberno “moi complicado”, afirmou que os españois necesitan un referente como é o Partido Popular, que “está a vivir un proceso de debate interno, de ideas, de proxecto político e non de persoas”.


“Somos o instrumento político máis importante que hai en España, un dos máis importantes de Europa e o único que ten unha idea clara da unidade e pluralidade do noso país”, afirmou Cospedal, “polo que temos a obriga de recuperar a ilusión, a confianza dos cidadáns e mesmo dos nosos votantes”.


Neste acto estivo presente o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoó, asegurando que “imos construír unha alternativa para que dun xeito rápido ofrezamos un proxecto para a gran maioría dos españois”. Lembrou Feijoó que en 2006 tamén houbo un proceso de relevo en Galicia “pero logo do congreso pechamos filas e nos puxemos a traballar para conseguir o goberno, e o conseguimos porque o partido colleu músculo”. Unha vez pechadas as urnas, dixo, “hai que poñerse á orde da persoa que resulte elixida presidente do partido”.

Toca agora agardar ao proceso de votación dos precandidatos e dos compromisarios que terá lugar o próximo mercores 4 de xullo.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.

Con la tecnología de Blogger.