Mariano Rajoy: " Foi unha honra ser presidente e deixar unha España mellor da que atopei"


Finalizou o Pleno do Congreso e quédome coas últimas palabras de Mariano Rajoy como presidente do Goberno, antes da votación da moción de censura. 


Unha mensaxe de despedida e de respecto ás regras democráticas, desde a tribuna do hemiciclo:

"Aceptarei como demócrata o resultado da votación, pero non podo compartir o que se fixo"

"Pedro Sánchez será presidente e quero ser o primeiro en felicitarlle".

"Foi unha honra ser presidente e deixar unha España mellor da que atopei. Oxalá o meu substituto poida dicir o mesmo. Deséxollo polo ben de España", afirmou Mariano Rajoy, pedindo desculpas aos cidadáns se algún se sentiu ofendido ou prexudicado polas súas accións.

"Grazas a todos e de maneira moi especial ao meu partido", finalizou Rajoy, quen desexou sorte "a todos vostedes polo ben de España".
Palabras que foron celebradas por todos os deputados do  GPP, posto en pé, dedicando unha longa ovación ao presidente saínte.

Todo o meu recoñecemento a Mariano Rajoy, que co apoio do Partido Popular e de todos os españois,  conseguiu recuperar a imaxe do noso país das desfeitas que causou nela o Goberno socialista  ao que substituímos. 

Foi o Goberno popular o que devolveu a confianza en España aos nosos socios europeos, aos investidores internacionais, ás axencias de  rating e, sobre todo, aos propios españois.

Tras cinco anos de recesión, a economía española leva case outros tantos crecendo, á cabeza de Europa, e ese crecemento tradúcese na creación de medio millón de postos de traballo ao ano desde 2014.

Onte mesmo debatendo Rajoy co deputado Ábalos, dicía "cal é o dano que o meu Goberno causa a este país? Cal é o dano que queren interromper en beneficio dos españois? Señor Ábalos, desde que os señores de Podemos presentaron o pasado mes de xuño unha moción de censura —que nin sequera nisto son vostedes orixinais—, desde entón ata hoxe creáronse en España 570000 empregos, máis de 1.500 ao día. Ese é o dano que o meu Goberno ou eu estamos a causar a España? "

Son moitas as incógnitas que se abren a partir deste momento, como tamén onte interrogaba Rajoy: "Como vai gobernar Pedro Sánchez? Con quen? Para que? Con que programa, e por canto tempo? É iso o que necesita España? É iso o que vostedes ofrecen para recuperar a forza e a dignidade da democracia? Así pretenden restaurar a confianza que, segundo din, perdeu lustre? "

Pronto coñeceremos a resposta a estas preguntas.

Foi toda unha honra traballar nestes anos apoiando desde o Grupo Parlamentario Popular ao Goberno liderado por Mariano Rajoy, un home de Estado, honesto e cabal, entregado á defensa incondicional do interese xeral de España e fondamente comprometido con Galicia. 

Moitas Grazas!!


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 


Recibirá resposta.



Con la tecnología de Blogger.