Onte o campus de Ourense viviu un día importante
coa inauguración polo presidente da
Xunta, Alberto Núñez Feijóo, do novo edificio do Campus da Auga en Ourense que será
o centro de referencia de todo o noroeste peninsular para o coñecemento
vinculado á auga.
A nova infraestrutura,
financiada con case 4,5 millóns de euros pola Xunta de Galicia con Fondos
Feder, albergará 16 laboratorios de investigación e da Escola de Enxeñaría
Aeronáutica e do Espazo e centralizará os servizos administrativos deste
campus.
Neste acto Feijóo destacou que, nos últimos meses, foise avanzando
no cumprimento das liñas estratéxicas do campus: coa posta en marcha do
programa de doutorado do Campus da Auga; coa apertura do programa de fomento da
innovación, con premios para recoñecer accións relevantes no eido da
investigación, a innovación educativa, a transferencia do coñecemento e a
divulgación científica; e coa creación da unidade de transferencia de
tecnoloxía e coñecemento e do programa de emprendemento e creación de empresas.
Así mesmo, lembrou a
posta en marcha dunha unidade de investigación de excelencia, que implica a
Universidade, a empresa e a Administración, dun clúster centrado no medio
ambiente e a alimentación e doutro centrado en innovación, xestión dos recursos
hídricos e na auga como recurso turístico e cultural.
“Este campus nace sen
fronteiras e con todas as portas abertas para os ourensáns e para todos os
galegos”, dixo, recordando que o Goberno galego investiu preto de 4,5 millóns
neste edificio. Unha contía que, sumada ás achegas destinadas ao
desenvolvemento doutras accións de I+D+i do Campus da Auga, ascende a un
investimento total de 7 millóns de euros.
O presidente da Xunta
aseverou que a apertura desta sede será o mellor dos estímulos para os retos
que aínda quedan por cumprir: potenciar a mobilidade de estudantes de doutorado
e investigadores; organizar o III Congreso internacional da Auga, que se
celebrará no mes de outubro; abrir novas liñas de investigación; e comezar a
traballar na oferta académica do campus, que deberá responder ás necesidades da
sociedade ourensá.
Nesta liña, incidiu
en que os beneficios do Campus da Auga se estenderán moito máis alá das paredes
deste novo edificio, ata os diferentes actores da sociedade galega. “Estamos
ante unha grande oportunidade para todos; para a comunidade universitaria, para
os alumnos, para a Xunta, para as empresas da zona e para Ourense”, dixo, ao
que engadiu que esta oportunidade supón unha aposta plena polo traballo
conxunto que caracterizou este proxecto desde que se comezaron a escribir as
liñas do seu plan estratéxico.
“O que inauguramos
hoxe, é un proxecto académico, social, económico e industrial; unha mensaxe de
futuro para a provincia”, abundou.
Salustiano Mato, reitor en
funcións da Universidade de Vigo, destacou como supón “un enorme salto
cualitativo para Ourense e para o noso campus, un salto cualitativo que
significa fabricar futuro”. Engadíu que “para min, como reitor da Universidade
de Vigo, é un auténtico honor e unha sorte que o meu último acto de singradura
como reitor sexa a posta de largo do Campus da Auga en Ourense” e explicou como
“esta infraestrutura dalgunha maneira visibiliza todo o traballo que fixemos
neste campus entre todos e todas”, agradecendo tamén á Xunta de Galicia o traballo
a prol da especialización dos campus como “unha maneira de facer o Sistema
Universitario de Galicia máis eficiente”.
Jesús Vázquez, alcalde de
Ourense, subliñou como “a cidade de Ourense recibe con moitísimo entusiasmo
este novo edificio”. Estamos, afirmou, “ante un novo aliado no proxecto do
futuro que deseñamos desde a cooperación institucional”, e recalcou que é “unha especialización que
vai xerar de seguro un valor engadido e estratéxico para toda a cidade, a
provincia e mesmo para Galicia”, facendo fincapé no potencial termal ourensán.
Parabéns especiais a Jesús Vázquez Abad que sendo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria da Xunta impulsou
decididamente que o Campus da Auga estivera en Ourense e que este edificio fora
proxectado.
Neste sentido quero lembrar como o 14 de
marzo de 2014 asistía na sé da Confederación de Empresarios de Ourense, ao
acto no que se asinaba o protocolo de colaboración coa Universidade de Vigo
para a creación do que sería Campus Auga, o primeiro
especializado do Estado.
Alí o Conselleiro Jesús Vázquez Abad afirmaba
que era “a primeira iniciativa de especialización dun campus non central do
Sistema Universitario de Galicia (SUG), o que fai do de Ourense un campus líder
en temáticas da auga con capacidade para expandir a súa plataforma de
investigación e innovación e para obter novas fontes de financiamento que
aseguren o seu papel na comunidade internacional da educación superior e a súa
sustentabilidade a longo prazo”.
E recordaba que “para a realización deste
novo espazo universitario centrado no mundo da auga, o custo estimado para esta
infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento da cidade, do Sistema
Universitario e das I+D+I galegas, ascende a 4,5 millóns de euros”.
14.3.2014 (Foto Regal .Faro de Vigo) |
E engadía Vázquez Abad sobre a futura
construción de 4.000 metros cadrados, que “tan pronto estea solucionada a
situación dos terreos, firmarase un convenio específico para a construción do
edificio que albergará a sede institucional do Campus da Auga e unhas modernas
infraestruturas dedicadas á investigación neste ámbito temático multidisplinar”.
Naquel acto o Conselleiro Jesús
Vázquez Abad e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron
un protocolo de colaboración para implementar o plan estratéxico do Campus Auga
en Ourense a través de convenios que desenvolverán cada un dos puntos de dito
documento.
Grazas polo tanto a ambos protagonistas que traballaron
arreo para para establecer en Ourense un campus líder en temáticas da auga con
capacidade para expandir a súa plataforma de investigación e innovación e para
obter novas fontes de financiamento que aseguren o seu papel na comunidade
internacional de educación superior e a súa sostenibilidade a longo prazo.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta.