Feijóo: " A finalización das obras da LAV a Galicia non é un obxectivo da Xunta, senón que é un obxectivo de Estado"


Da actualidade política de hoxe destaco as palabras do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, tras a rolda de prensa do Consello da Xunta, no sentido de que o obxectivo de rematar as obras do AVE galego é viable e está avalado polos técnicos de ADIF e pedindo vontade política para manter a dilixencia administrativa co fin de axilizar as licitacións xa autorizadas e as adxudicacións pendentes e a presión sobre as empresas adxudicatarias das obras para o estrito cumprimento dos prazos de execución establecidos.
Logo de asegurar que esta petición a trasladará ao presidente do Goberno central e ao ministro de Fomento -cando se produzan os primeiros encontros institucionais-, Feijóo recordou máis polo miúdo que, de acordo cos datos facilitados polos técnicos do Adif e contrastados pola Xunta, o grao de execución do total das obras supera o 80%; e todos os principais contratos pendentes –arredor do 5%- están ou en proceso de licitación ou unicamente pendentes de publicación no BOE, con prazos de finalización compatibles coa data comprometida.
Viaduto das Teixeiras
En definitiva, o presidente da Xunta asegurou que entre Galicia e Madrid estase a construír un AVE de alta calidade, deseñado para unha velocidade de 350 quilómetros por hora na práctica totalidade do seu trazado e coa previsión de optimizar as súas prestacións grazas aos trens Avril, compatibles cos distintos tipos de ancho de vía.
Tras analizar no Consello o estado actual da infraestrutura e a previsións en relación co prazo comprometido –a circulación do AVE en probas a finais do ano 2019-, Feijóo afirmou que a finalización das obras non é un obxectivo da Xunta, senón que é un obxectivo de Estado.
A situación actual
En relación ao estado de tramitación e execución avaliado, Feijóo precisou que o treito da liña de alta velocidade entre Zamora e Madrid está xa en servizo desde febreiro do ano 2016, acurtando 30 minutos o tempo de viaxe.
O seguinte treito, entre Zamora e Pedralba da Pradería, está actualmente na súa recta final, coa previsión de que as obras finalicen o último trimestre deste ano 2018. Cómpre subliñar que cando supere o período de probas da Axencia de Seguridade Ferroviaria, a posta en servizo deste treito permitirá acurtar o tempo de viaxe entre Madrid e Galicia no entorno doutra media hora.

En relación ao cambiador de ancho de vía de Pedralba, Feijóo resaltou que está en obras desde xuño do ano 2017 e deberá finalizarse aproximadamente o vindeiro mes de xullo, para facilitar que os trens Alvia que parten de Ourense poidan circular por vía AVE xa desde Pedralba ata Zamora e de aí a Madrid.
Túnel de Portocamba 
A maior intensidade das obras pendentes concéntrase, polo tanto, no treito entre Pedralba da Pradería e Taboadela. Así, as obras de plataforma atópanse todas elas rematadas ou en estado avanzado de execución con: 5 treitos rematados, 8 que superan o 90% de execución e os menos avanzados teñen un prazo de finalización que se sitúa na primavera de 2019.
Así mesmo, e sobre o Viaduto das Teixeiras, lembrou que se atopa xa en plena execución e en disposición de finalizar en prazo. E, sobre as obras de superestrutura e elementos complementarios (balasto, travesas, carril, montaxe vía, catenaria, etc) concretou que o material está xa practicamente todo adxudicado, así como boa parte das obras e, practicamente, todas as licitacións pendentes foron autorizadas polos consellos de administración de ADIF dos meses de abril, maio e xuño deste ano, pendentes só de publicación no Boletín Oficial do Estado.
Obras dun viaduto entre Cerdedelo e Prado
Outro dos puntos onde se concentran traballos pendentes é na conexión entre Taboadela e a estación de Ourense, onde a construción dun pequeno ramal de conexión entre a nova Vía de Alta Velocidade e a vía convencional xa está en execución; e as obras para a adaptación das vías e andéns da actual estación de ferrocarril de Ourense, co obxectivo de facelas compatibles coa chegada dos trens do AVE, foron adxudicadas e teñen un prazo de 12 meses. E tamén está autorizada a licitación das obras para a adaptación da vía convencional, instalando o chamado terceiro fío, para permitir a circulación dos trens AVE, cun prazo de execución de 12 meses.

A miña total coincidencia co expresado polo presidente Feijóo.

As obras da  LAV a Galicia, contan con recursos orzamentarios suficientes, un cronograma perfectamente definido por  Adif alta Velocidade - certamente ambicioso pero  cumplible -  e unhas empresas adxudicatarias traballando a pleno rendemento.


Estamos, como levo dicindo desde hai anos, ante un Proxecto de Estado que todos estamos obrigados a impulsar.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.

Con la tecnología de Blogger.