Exitoso balance dos cinco anos de desenvolvemento do programa de “Termalismo social” a Deputación de Ourense


Saliento hoxe no blog, a noticia difundida hoxe de que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto cos alcaldes de Arnoia, Cenlle, Lobios, Baños de Molgas, Cortegada e O Carballiño e os representantes dos sete balnearios da provincia, presentaron esta mañá no balneario de Arnoia o balance dos cinco anos de desenvolvemento do programa de “Termalismo social”, que desenvolve a institución provincial. Éxito e máxima aceptación definen esta iniciativa pioneira no ámbito do termalismo, “nun territorio, a provincia de Ourense, líder en Europa pola calidade das súas augas mineiro-medicinais, e polos programas que desenvolve a Deputación de Ourense -unindo turismo termal, ocio e saúde-, de máxima aceptación tanto pola calidade das instalacións e as súas contornas como pola facilidade da xestión de reservas”, afirmou Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial avanzou que este ano 2018 o programa superará os 3.000 usuarios, “un dato que demostra o éxito desta iniciativa pola que apostamos, considerando ao sector termal un referente para a competitividade da nosa provincia”. Baltar destacou que o 51 % dos bañistas termais que se achegan a Ourense no marco deste programa utilizan o tren, “grazas ao acordo entre a Deputación de Ourense, o Ministerio de Fomento e Renfe, que permite viaxar a Ourense desde 40 cidades de España para gozar das diferentes modalidades balnearias”, dixo. “A facilidade, rapidez e sinxeleza do procedemento para facer as reservas constitúe un modelo en administración electrónica, o cal puxemos en marcha na Deputación de Ourense, un paso máis na política de innovación na xestión pública no marco do programa “Provincia Intelixente”, que leva a cabo o goberno provincial”, remarcou Manuel Baltar.

Nesta liña, afirmou: “Seguiremos potenciando este programa, que desenvolve a Área de Benestar da Deputación, na provincia termal por excelencia; unha andaina que comezou con cinco balnearios, agora temos sete, e coa previsión de abrir este ano un novo establecemento termal: o balneario de Berán”. Este éxito participativo e de organización é posible “grazas á cooperación de concellos e balnearios para seguir mellorando o programa con novas propostas e iniciativas”, valorou Manuel Baltar.

A Deputación de Ourense realiza esta iniciativa social cun plantexamento innovador consistente na implantación, desde o ámbito local, dun programa de servizos sociais que xira sobre tres eixos: a prestación dun servizo de saúde, benestar e envellecemento activo, a través do termalismo social baseado nos beneficios terapéuticos das augas minero-medicionais; a concepción do programa como un servizo social integral facilitando a mobilidade a través do uso do tren; e o avance da administración electrónica.

“Esta iniciativa nos posiciona como referente europeo no ámbito termal”, salientou Manuel Baltar, na actualidade é vicepresidente da rede europea de territorios termais -integrada por 13 nacións e 51 territorios termais-, unha asociación que celebrará en Ourense no vindeiro outubro a súa asemblea xeral, situando a Ourense como capital do termalismo europeo. Neste ámbito da promoción internacional do termalismo ourensán, Baltar tamén se referiu á vindeira edición de Termatalia, que terá lugar en Foz de Iguaçú, en Brasil. “Todo ese atractivo termal de Ourense ten que servir para seguir impulsando as outras vantaxes competitivas da nosa provincia: o turismo cultural e de natureza, o patrimonio histórico-artístico ou a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco”, expresou.

O programa de Termalismo social oferta aos usuarios tres modalidades: un programa de Estancias Balnearias de 6 días e 5 noites en calquera balneario da provincia, con 10 técnicas de tratamento termal; un programa de Cultura Termal, con estancias de fin de semana; e un programa de Tratamentos Terapéuticos de diferente duración, sen aloxamento, con especialidades dermatolóxicas, respiratorias ou traumatolóxicas.

A sinxeleza para inscribirse no programa é un dos éxitos da iniciativa, destacando que o prazo de inscrición está aberto todo o ano, as 24 horas do día, e tamén que o usuario non ten que presentar ningún papel nin realizar ningún desprazamento, obtendo a praza no mesmo momento da solicitude. O proceso ten unha duración aproximada de 5 minutos. Este ano como novidade, o usuario asina a solicitude cun código PIN que lle chega ao móbil no mesmo momento que comeza a inscrición.

Respecto do avance de datos de 2018, cabe salientar que os usuarios que xa obtiveron praza para este ano son 2.302, un 79% deles solicitaron a modalidade de estancia de 6 días; un 12%, a de cultura termal, e un 9% a de tratamentos terapéuticos. Asemade, dos participantes na modalidade de estancias un 51% utiliza o tren para achegarse a Ourense, sendo a súa procedencia de todas as comunidades autónomas, entre as que destaca Madrid.

Con la tecnología de Blogger.