jueves, 17 de mayo de 2018

PGE 2018: Debatindo as emendas o articulado e as seccións

Desde onte estase reunindo no Congreso dos Deputados a Comisión de Orzamentos para debater e votar o informe do relatorio e as emendas ao articulado e as seccións e elaborar o ditame dos Orzamentos Xerais do Estado, o paso previo a debater por última vez en Pleno o proxecto antes de envialo ao Senado. 

O ditame, que é o froito da votación de todos os membros da comisión, está precedido por un informe elaborado por un Relatorio, un grupo reducido de traballo no que están representados todos os grupos parlamentarios. Neste informe, o proxecto de Orzamentos presentado orixinalmente polo Goberno, é actualizado coas emendas consensuadas no Relatorio, aínda que nesta ocasión o informe coincide co texto presentado polo Goberno ao non acordarse ningunha emenda.

O informe do relatorio será ratificado durante as sesións da comisión de Orzamentos esta semana, onde tamén se debaterán e someterán a votación as emendas ao articulado, por títulos e seccións, dando lugar ao ditame final. Estas emendas poden afectar tanto ao articulado como ás seccións sempre que cada aumento no gasto dunha partida sexa compensando cunha redución equivalente na mesma sección, é dicir, no mesmo ministerio. 

Na sesión da Comisión de hoxe debateuse entre outras, a sección 17, que corresponde ao Ministerio de Fomento. E neste debate estiven presente escoitando as diferentes emendas presentadas polos Grupos Parlamentarios.

Mañá venres, a Comisión concluirá coas seccións e Organismos autónomos e outros Organismos públicos, Entidades do Sector Público Empresarial e Fundacional, Anexo de investimentos reais e estado de ingresos e o Preámbulo do Proxecto. 

Por último, farase a votación final sobre o conxunto do informe do relatorio, coas emendas xa aprobadas ao longo destas tres sesións e que quedarían incorporadas, por tanto, ao ditame que debe elaborar a Comisión. 

Debate en Pleno

Unha vez elaborado, o ditame será debatido e votado no Pleno da Cámara, entre o 21 e o 24 de maio. Neste Pleno cada ministro presenta a sección que corresponde ao seu Ministerio e os grupos defenden as emendas non incluídas nos pasos previos e que pediron manter vivas, así como os votos particulares que, no seu caso, presenten. 

O resultado final destas sesións plenarias é un texto no que se incorpora ao ditame as emendas e as emendas e votos particulares aprobados e que se envía ao Senado para iniciar a tramitación, tamén en relatorio, Comisión e Pleno. Se a Cámara Alta non o modifica, os Orzamentos quedan aprobados, e no caso de que introduza emendas ou o proxecto sexa vetado, este volverá ao Pleno do Congreso para que decida se mantén ou revoga os cambios ou, no seu caso, levante o veto.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.