Constituida a comisión de investigación sobre o accidente ferroviario do Alvia


Esta mañá constituíuse a comisión de investigación sobre o accidente ferroviario do Alvia , que se produciu en Santiago de Compostela o 24 de xullo de 2013.
A creación deste tipo de órganos parlamentarios pode solicitala o Goberno, a Mesa da Cámara, dous grupos parlamentarios ou un quinto dos deputados (70 deputados) e debe ser aprobada en Pleno por maioría simple.
A creación da comisión de investigación relativa a este accidente foi solicitada polo PSOE, Unidos Podemos e o Grupo Mixto e aprobouse en pleno o pasado setembro, deberá investigar as causas do accidente así como avaliar a existencia de riscos de seguridade na liña no momento do sinistro.
Os membros da Comisión, entre os que me inclúo, aprobamos a composición da mesa por asentimento. Feliu-Joan Guillaumes, deputado do PDECat foi elixido presidente e Cesar Joaquín Ramos Esteban, do Grupo Parlamentario Socialista e Jose Alberto Ferreiro Bono, do Grupo Parlamentario Popular, desempeñarán os roles de vicepresidente primeiro e segundo, respectivamente. Por outra banda, Antonio Gómez-Reino, deputado de En Marea, e Pilar Cancela Rodríguez, do Grupo Socialista, ocuparán as secretarías.

Guillaumes , presidente deste novo órgano parlamentario, pediu aos deputados un esforzo para tratar de chegar a acordos unánimes, consciente da dificultade que supoñerá avanzar nesta comisión. Deu un mes de prazo aos grupos para que presenten as súas peticións de documentación e comparecencias.


En nome do GPP, eu mesmo en declaracións aos medios de comunicación presentes , manifestei que aínda que o seu grupo votou contra da apertura da comisión, actuará coa máxima seriedade e responsabilidade e con actitude "construtiva.

Dixen que manteremos un total respecto a vítimas e familiares e ao procedemento xudicial que segue aberto nun xulgado de Santiago, e que non será unha comisión fácil.
Lembrei que tras o accidente do Alvia, que "doeu moito en España, pero dunha maneira especial en Galicia" xa se creou unha subcomisión  sobre infraestruturas ferroviarias que tras escoitar a máis de 40 comparecentes permitiu aprobar un ditame sobre o sector ferroviario e a súa seguridade.

Funcionamento da comisión de investigación
O funcionamento das comisións de investigación difire das comisións ordinarias en varios aspectos. Por exemplo, as decisións no seo da comisión adoptaranse por voto ponderado.
Así mesmo, non hai un acordo común para todas as comisións en canto a composición das mesmas.

Neste sentido, o acordo de creación desta comisión de investigación establece que estará composta por catro representantes dos grupos parlamentarios que conten con máis de cen membros, tres de cada grupo parlamentario con máis de cincuenta membros, dous de cada grupo parlamentario con máis de dez membros e un representante de cada un dos restantes grupos parlamentarios.




Con la tecnología de Blogger.