Baixada no IRPF para rendas baixas, novos cheques para natalidade e para gardería e ampliación dos cheques familiares por discapacidade
Os PGE contemplan unha baixada no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) para os salarios máis baixos. O mínimo exento de tributación, que actualmente se corresponde cun salario bruto de 12.000 euros anuais tras a reforma fiscal do Goberno de 2015, increméntase ata os 14.000 euros.
Ademais, increméntase a redución por rendementos netos do traballo para os salarios brutos entre 14.000 e 18.000 euros. Esta medida beneficiará a uns 3,5 millóns de contribuíntes, dos que ao redor de 1 millón son pensionistas.
A citada medida tributaria complétase con dous novos cheques: un sobre natalidade e outro de gardería. No relativo á natalidade, con carácter xeral, a dedución de 1.200 euros anuais increméntase en 600 euros por cada fillo nas familias que teñan a condición de numerosa. Respecto ao novo cheque de gardería, permitirá a dedución de ata un máximo de 1.000 euros por ano para as nais traballadoras por gastos de gardería de nenos entre cero e tres anos.
No marco da política fiscal, os PGE tamén contemplan que o tipo de gravame de IVE aplicable ao cinema baixe do 21% actual ao 10%, o mesmo que xa se aplica aos espectáculos en directo desde a entrada en vigor dos PGE de 2017.
Respecto dos actuais cheques familiares, amplíanse para incluír unha nova dedución de 1.200 euros anuais por cónxuxe por discapacidade.
O conxunto destas medidas en IRPF terá un impacto estimado duns 2.000 millóns de euros.
Subida das pensións
Os Orzamentos Xerais do Estado para este ano, ademais de rebaixar o IRPF para as rendas máis baixas, sobe tamén as pensións máis baixas, de forma adicional ao incremento que teñen todas as pensións garantido polo propio sistema de pensións.
Neste caso, van mellorar pola vía orzamentaria as pensións mínimas, que subirán un 3%, e as pensións de viuvez, cun incremento do 2%. O Goberno cumpre así o seu compromiso de garantir a viabilidade do sistema público de pensións, revalorizar todas as pensións nese marco de sustentabilidade do sistema e, ao tempo, mellorar as pensións das persoas que teñen menos recursos.
Outras pensións de importe inferior aos 12.000 euros brutos anuais experimentarán incrementos entre o 1% e o 1,5%.
Entre a rebaixa no IRPF e a subida das pensións máis baixas, os Orzamentos incrementan a renda dispoñible de case 7 millóns de pensionistas.
Maior gasto social e outras prioridades de gasto
Así pois, os PGE 2018 apostan claramente por seguir reforzando o gasto social, de maneira que se converten, un ano máis, nos orzamentos máis sociais da historia.
Neste sentido, os Orzamentos tamén contribúen de maneira indirecta ao reforzo do gasto social a través das achegas que realiza ás Administracións Territoriais.
O financiamento das Administracións Territoriais increméntase en 4.244 millóns de euros, dos que 4.020 corresponden ás CCAA, que desta maneira verán aumentados os seus recursos máis dun 4% respecto de 2017, co que poderán reforzar os servizos públicos fundamentais que prestan aos cidadáns, sanidade, educación e protección social.
Ademais, os Orzamentos recollen o acordo alcanzado polo Goberno coa Federación Española de Municipios e Provincias para ampliar o prazo para acometer investimentos financeiramente sustentables co superávit orzamentario. Uns investimentos que este ano poderán destinarse a un número máis amplo de servizos públicos de interese para a comunidade.
Sen deixar o gasto social, debe destacarse o incremento respecto de 2017 da partida destinada a bolsas e axudas de carácter xeral, en 50 millóns de euros, alcanzando este ano os 1.450,33 millóns.
Por outra banda, os recursos destinados á Dependencia increméntanse en 46 millóns de euros, ata os 1.401 millóns.
Así mesmo, a aprobación dos Orzamentos permitirá a mobilización das partidas para a posta en marcha do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Destaca tamén a ampliación nunha semana do permiso de paternidade, ata situarse xa en 5 semanas.
Finalmente, hai que destacar que entre as políticas que máis crecen atópase a política de I+D+i, cun incremento dos recursos do 8,3% respecto de 2017, o que supón 560 millóns de euros máis, ata alcanzar os 7.044,47 millóns.