domingo, 18 de marzo de 2018

Pesar polo pasamento de Carlos García Martínez

Onte coñecíamos o falecemento do compostelán Carlos García Martínez  director do Museo do Pobo Galego e membro correspondente da Real Academia Galega desde 1972.
Comparto o recoñecemento público do Goberno galego da relevante achega de Carlos García Martínez á cultura e a sociedade galegas durante estas últimas décadas desde todas as institucións ás que estivo vinculado.
Da súa devoción e compromiso co país dan creto feitos como a súa participación como padroeiro fundador da Fundación Castelao, da Fundación Pedrón de Ouro, a súa actividade no seo da propia RAG durante máis de catro décadas e media e o feito de ter sido presidente do Consello Galego de Museos. García Martínez foi, así mesmo, membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, da comisión xestora do novo Seminario de Estudos Galegos e socio fundador da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, centro museístico xestionado pola Xunta de Galicia.
Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Martínez foi autor de importantes monografías e estudos sobre arqueoloxía, prehistoria, folclore e etnografía ademais dun dos fundadores do Museo do Pobo Galego, institución que dirixiu desde 1999, tras o pasamento de Antonio Fraguas.
Precisamente no ano 1998 tiven a oportunidade de coñecelo con ocasión dunha visita ao Museo do Pobo Galego  da Mesa do Parlamento de Galicia, da que eu formaba parte como viepresidente primeiro.
O meu pesar polo falecemento deste ilustre galego e condolencias á súa familia.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta