viernes, 16 de marzo de 2018

O Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 eleva en máis do 60% os fondos destinados a axudas en Galicia


Salientar que onte a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle e o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, participaron na Conferencia Sectorial de Vivenda, Urbanismo e Suelo, que estivo presidida polo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e na que se presentaron os criterios de distribución territorial do orzamento para subvencións do Plan estatal de Vivenda 2018-2021.

Nese encontro, o Ministerio de Fomento avanzou unha partida de 82 millóns de euros reservada para Galicia nese Plan, o que supón un importante incremento sobre o previsto na anterior programación 2013-2016, que se prorrogou en 2017 e consignou un total de 50 millóns de euros para a nosa Comunidade.

Este Plan,  con marcado carácter social, supón darlle continuidade ás axudas estatais á vivenda xa que as novas subvencións se concederán con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2018.  Tendo en conta que o anterior foi prorrogado e finalizou a súa vixencia 31 de decembro de 2017, queda garantida a continuidade entre plans.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda manifestou a satisfacción do Goberno galego ante a aprobación deste plan, que facilita recursos e ferramentas para avanzar nunha materia tan prioritaria para a Xunta.

Ethel Vázquez remarcou o importante incremento de recursos que se consignan para Galicia e garantiu que a Administración autonómica achegará o cofinanciamento necesario para que os programas recollidos no Plan de vivenda beneficien ao maior número posible de familias na nosa Comunidade.

Así mesmo, salientou que a planificación estatal comparte os obxectivos sociais da Xunta de impulsar o alugueiro, a rehabilitación, a loita contra os desafiuzamentos  e a dinamización do rural, con especial atención aos colectivos vulnerables, como os mozos e os maiores.

Nese sentido avanzou que o Goberno galego traballa xa para poñer en marcha as axudas e conseguir que estean operativas o  antes posible, complementandose coa maior eficacia coas iniciativas postas en marcha desde a Administración autonómica.

A conselleira reiterou que o Plan estal é unha oportunidade para continuar a mellorar as condicións de acceso á vivenda de todos os cidadáns e  asegurou que a implicación da Xunta será a máxima para aproveitala.

O Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 conta cunha dotación estatal de 1.443 millóns de euros. Este importe arroxa un incremento do 62,46% con respecto á dotación orzamentaria dos exercicios correspondentes ao plan 2013- 2016 (888 millóns de euros).
O novo plan, como os anteriores, será xestionado polas comunidades autónomas e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Para ese efecto, o Ministerio de Fomento asinará convenios de colaboración con cada administración autonómica para a súa execución. En virtude do novo Plan de Vivenda, concédense axudas para o aluguer de vivendas a persoas cuxos ingresos, sumados os de todos os membros da unidade de convivencia, non superen 3 veces o IPREM. Estas axudas serán de ata o 50% da renda e para alugueres de ata 600 euros/mes ou, nalgúns supostos, ata 900 euros/mes. O límite da axuda é, con carácter xeral, do 40% da renda. Esta porcentaxe elévase ata o 50% para os menores de 35 anos e os maiores de 65. Para os mozos, outórganse ademais axudas para a adquisición de vivenda en municipios de menos 5.000 habitantes, o que axudará a reducir o despoboamento no ámbito rural. Ademais, concédense axudas de ata o 100% da renda ás persoas en situación de desafiuzamento da súa vivenda habitual para o aluguer de vivendas dispoñibles das entidades financeiras ou outros propietarios. Tamén se conceden axudas á promoción de vivendas, xa sexan públicas ou privadas, para destinalas ao aluguer durante un prazo non inferior a 25 anos. Estas vivendas non poden alugarse por encima dun nivel de renda e destinaranse a familias con ingresos limitados. Así mesmo, o plan recolle axudas á rehabilitación edificatoria: mellora da eficiencia enerxética, conservación e mellora da accesibilidade de vivendas e edificios. Estas axudas, con carácter xeral, serán de ata o 40% do investimento. Se os ingresos da unidade de convivencia son inferiores a 3 veces o IPREM poden chegar ata o 75%. Nos supostos de mellora da accesibilidade tamén poden chegar ata o 75% se o beneficiario é unha persoa maior de 65 anos ou con discapacidade. Ademais, concédense axudas á rexeneración e renovación urbana e rural. Faise especial referencia aos supostos de infravivenda e chabolismo.
As axudas á rehabilitación e á rexeneración e renovación urbana e rural oriéntanse á sustentabilidade ambiental, económica e social das nosas cidades e vivendas. Doutra banda, tamén se dan axudas á promoción de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade con obxecto de destinalas ao aluguer durante un prazo mínimo de 40 anos. Trátase de vivendas con instalacións e servizos comúns adaptados e con aluguer limitado. Están destinadas a arrendatarios con poucos ingresos. O investimento global inducido estímase en 3.047 millóns de euros e permitirá a creación de 60.320 postos de traballo. Prevese que durante a vixencia do plan finánciense ao redor de 690.000 axudas, entre elas, a rehabilitación de 187.590 vivendas e 346.775 axudas ao aluguer, así como 132.677 familias que se beneficiarán de axudas de subsidiación.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta