sábado, 6 de enero de 2018

Galicia acada a primeira posición a nivel nacional na clasificación das Q de Calidade Turística

Recibimos hoxe, a moi boa noticia de que a  aposta de Galicia pola excelencia vén de ser recoñecida coa primeira posición a nivel nacional na clasificación das Q de Calidade Turística, distincións concedidas polo Instituto para a Calidade Turística de España. Tras ser segunda durante o 2017, a nosa Comunidade supera a Andalucía ao remate do ano despois de que 27 novos establecementos e servizos se teñan incorporados nestes meses.

A marca de garantía Q Calidade Turística é unha marca española de recoñecido prestixio dirixida á certificación voluntaria de servizos turísticos. Unha organización turística obtén a Q de Calidade Turística cando evidencia o cumprimento dos requisitos técnicos que a súa norma correspondente dita. A organización debe implementar un sistema de xestión orientado ao servizo do cliente e en mellora continua.
Con 273 recoñecementos Q de Calidade Turística, o liderado de Galicia é especialmente salientable en varios eidos considerados fundamentais na Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento que marca as políticas públicas neste ámbito e en cuxa elaboración se implicou tanto o sector como a sociedade galega en xeral. 
Este liderado dáse en ámbitos como as instalacións náutico deportivas, as casas de turismo rural, o turismo industrial e o turismo activo, os balnearios e os hoteis. Isto consolida un destino que se distingue polo seu compromiso coa mellora constante e a posta en valor dos seus recursos diferenciadores.
En concreto, seis de cada dez instalacións náutico deportivas con Q de Calidade en España están en Galicia, un 63,6%. No turismo rural, a metade dos establecementos de hospedaxe que ostentarán en 2018 este recoñecemento son galegos, un 47%. O mesmo sucede cos servizos e infraestruturas de turismo industrial (46%), do turismo activo (37,5%) e cos balnearios (23%). Case o 20% dos hoteis con Q de Calidade seguirán estando en Galicia este ano, en concreto 71 dos 393 repartidos por España, unha garantía para os viaxeiros.
Outros ámbitos onde a nosa Comunidade sobresae son as axencias de viaxes e os servicios de restauración. Neste último Galicia gaña 11 certificacións e ocupa o segundo posto.
Estes novos datos amosan, unha vez máis, o compromiso do sector turístico galego en dúas direccións: a consolidación dun destino cada vez máis competitivo, onde se prima a calidade sobre a cantidade; e o interese por ofrecer aos viaxeiros o mellor servizo posible como parte da vontade dos galegos por brindar sempre a mellor acollida aos que nos visitan.

Moitos parbéns á Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro que está a executar con gran eficacia á Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta aprobada en 2017 e dotada con 240 millóns de euros, que ten tres piares fundamentais para fortalecer Galicia como destino: a calidade, a sustentabilidade e a tranquilidade. 

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta