Unha reforma da Lei de saúde de Galicia para ter máis e mellores servizos nos hospitais comarcais e servizos que serán cada vez máis próximos á poboación

Salientar que onte o Consello da Xunta aprobou o proxecto de lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En total, reformúlanse 14 artigos e incorpora tres artigos novos, cos cales se adapta a normativa ás novas realidades e inclúe aspectos máis especificamente axeitados ao marco normativo actual (estatal, básico e autonómico), especialmente modificado polas Leis 39 e 40/2015, do 1 de outubro, reguladoras do procedemento administrativo e do sector público, respectivamente.
A reforma aborda a organización territorial do sistema público, a participación social no ámbito sanitario, a consideración de autoridade sanitaria, a mobilidade e itinerarios profesionais, e o establecemento de principios básicos para a regulación da docencia, investigación e innovación.
A modificación normativa aprobada onte atende ás achegas realizadas polos colexios profesionais, Fegamp e outras entidades sociais e políticas coas que se mantiveron reunións desde a súa publicación no portal de transparencia da Xunta de Galicia.
Simplificación territorial máis efectiva
A reforma establece a división por áreas sanitarias e a súa delimitación territorial que coincidirá co actual ámbito das EOXI: A Coruña; Santiago de Compostela; Ferrol; Lugo, Cervo e Monforte de Lemos; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; Pontevedra e O Salnés e Vigo. 
Ademais, créanse 14 distritos sanitarios que se configuran como divisións das áreas, constituíndo un marco de referencia da actividade da atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria. Conforme este criterio existirán 14 distritos sanitarios ligados á institución hospitalaria existente no seu ámbito territorial, mantendo a agrupación de concellos que se realiza nos decretos de creación das EOXI.
Os distritos indicados son os seguintes: A Barbanza, A Coruña, A Mariña, Cee, Ferrol, Lugo, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Ourense, O Salnés, Pontevedra, Santiago de Compostela, Verín e Vigo. 
A nova organización territorial pretende acadar unha utilización óptima dos recursos dispoñibles, tanto materiais como humanos, dentro do ámbito territorial da área sanitaria, con maior coordinación entre primaria e hospitalaria; ao mesmo tempo que favorece que a poboación galega dispoña en todo momento dunha organización sanitaria máis eficiente. 
Mobilidade 
Respecto do título VIII, relativo aos empregados e empregadas públicos/as do Sistema de Saúde de Galicia, en materia de selección e provisión, establécese a posibilidade de que a convocatoria de concursos de traslados poida manter a súa vixencia no tempo a través de resolucións de adxudicación sucesiva e periódica. Así mesmo, introdúcese o concepto de itinerario profesional, o cal poderá ser tido en conta para a estruturación dos sistemas de selección e provisión. 
A norma facilita así unha maior dispoñibilidade de profesionais e reforza a mobilidade voluntaria de profesionais dentro da área favorecendo o achegamento ao lugar de residencia e a conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores do Sergas. 
Participación social máis próxima no ámbito sanitario
A participación social no ámbito sanitario é un dos principios reitores do sistema público de saúde. A modificación da norma neste senso ten como finalidade simplificar as canles de participación, que se desenvolverá a través do Consello Galego de Saúde de ámbito comunitario, dos consellos de saúde de área e dos consellos de saúde de distrito no ámbito propio deles. A reforma da lei regula así mesmo as funcións do Consello Galego de Saúde, os consellos de saúde de área, e os consellos de saúde de distrito. 
Desenvolverán funcións consultivas e de asesoramento na formulación de plans e obxectivos xerais no ámbito territorial respectivo, así como de seguimento dos resultados de xestión. Na composición destes órganos, que se determinará por decreto da Xunta de Galicia, haberá representación dos concellos, dos colexios oficiais de profesionais sanitarios, das asociacións de pacientes, así como das organizacións empresariais e das organizacións sindicais e doutras entidades e organizacións do ámbito sanitario, de forma que quede garantida a participación efectiva e se poida contar cunha visión e percepción ampla da sociedade.
O novo articulado formaliza a creación do Consello Asesor de Pacientes e establécese que regulamentariamente se poderán establecer outros órganos de participación e consulta para ámbitos concretos de actividade sanitaria. 
Modificación en docencia e investigación 
A creación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) supuxo un cambio no modelo existente de xestión do coñecemento, e nas actividades de investigación e innovación. A reforma permite formular os principios básicos para a regulación da actividade investigadora no ecosistema sanitario galego, estruturada en torno aos institutos de investigación sanitaria e coordinada por ACIS. Ademais poténciase a transferencia de coñecemento e o réxime de colaboración co sistema público de saúde de Galicia, facendo referencia expresa á innovación.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacaba na rolda de prensa do Consello que a aprobación da reforma da Lei de saúde blinda a existencia dos hospitais comarcais coa creación de 14 distritos sanitarios, de tal xeito que “ningún goberno poderá diminuír ou eliminar un hospital comarcal en Galicia se non é por lei e por autorización parlamentaria”.
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, sinalou que “o paciente é o gran beneficiado desta reforma de lei”, xa que haberá máis e mellores servizos nos hospitais comarcais e servizos que serán cada vez máis próximos á poboación.
Así mesmo, subliñou que as áreas sanitarias desenvolverán a función que facían as estruturas de xestión integrada (EOXI) e os distritos porán en valor os hospitais comarcais. Nesta liña, precisou que “o desenvolvemento das EOXI permitiu que se investiran nestes anos 20 millóns de euros nos hospitais comarcais, evitándose arredor de 260.000 desprazamentos dende as zonas comarcais cara á área principal”.
Almuíña tamén sinalou as melloras realizadas na participación cidadá coa creación do Consello Asesor do Paciente, e a creación de consellos de saúde de área e consellos de saúde de distrito, ademais do Consello Galego de Saúde. “Referéndase, amplíase e faise máis fácil a participación cidadá a través de colectivos e asociacións de pacientes pero, tamén, a representación de colexios profesionais e asociacións científicas que poidan axudar na toma de decisións”.

Por último, destacou que “os outros grandes beneficiados” son os traballadores do ámbito sanitario, coa creación por lei dun concurso aberto e permanente e cos itinerarios profesionais. “Queremos que o clima laboral de todos os traballadores sexa o máis cómodo posible, evitar desprazamentos innecesarios e facilitar a conciliación laboral e profesional a todos eles”, concluíu.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.