Felipe VI: "España é hoxe unha democracia madura, onde calquera cidadán pode pensar, defender e contrastar, libre e democraticamente as súas opinións e as súas ideas; pero non impoñer as ideas propias fronte aos dereitos dos demais"

Onte escoiteie, como millóns de cidadáns, a mensaxe da Súa Maxestade o Rei Felipe VI:

Foi a seguinte:

" Boas noites, Diríxome a todos vós para felicitarvos o Nadal e transmitirvos xunto á Raíña, a Princesa de Asturias e a Infanta Sofía os nosos mellores desexos para o ano 2018.

E agradézovos que nesta noite de encontro de familias e de seres queridos, me permitades acompañarvos uns minutos para compartir convosco algunhas reflexións cando estamos xa a punto de rematar o ano. 

2017 foi en España, sen dúbida, un ano difícil para a nosa vida en común; un ano marcado, sobre todo, pola situación en Cataluña, á que logo me referirei. 

Pero tamén foi un ano no que comprobamos o compromiso moi sentido, firme e sincero dos españois coa España democrática que xuntos construímos. 

Porque durante os últimos 40 anos, conseguimos facer realidade un país novo e moderno, un país entre os máis avanzados do mundo: Asentamos definitivamente a democracia, mesmo superando hai décadas un intento de involución das nosas liberdades e dereitos. 

Somos unha parte esencial dunha Unión Europea coa que compartimos obxectivos e unha mesma visión do mundo. 

Fronte ao terrorismo conseguimos facer prevalecer a vida, a dignidade e a liberdade das persoas coa forza das nosas conviccións democráticas.

E levamos a cabo, en fin, a transformación máis profunda da nosa historia en moitos ámbitos da nosa vida: en educación e en cultura, en sanidade e en servizos sociais, en infraestruturas e en comunicacións, ou en defensa ou en seguridade cidadá.

En definitiva, ao longo de todos estes anos de convivencia democrática, os dereitos e liberdades, o progreso e a modernización de España, e tamén a súa proxección e relevancia internacional, foron da man. 

E todo ese gran cambio, todo ese gran salto sen precedentes na nosa historia, foi posible grazas a unha España aberta e solidaria, non encerrada en si mesma; unha España que recoñece e respecta as nosas diferenzas, a nosa pluralidade e a nosa diversidade, cun espírito integrador; unha España inspirada nunha irrenunciable vontade de concordia.

No camiño que percorremos, dende logo, hai que recoñecer que non todo foron acertos; que persisten situacións difíciles e complexas que hai que corrixir, e que requiren dun compromiso de toda a sociedade para superalas. Malia todo iso, o balance tan positivo de todos estes anos é innegable. Temos que aprecialo e valoralo.

Paga a pena e merecémolo como país e como sociedade. Porque a historia da España que xuntos construímos é a historia dun gran triunfo de todos os españois. Unha España á que non debemos renunciar, que debe ilusionar e motivarnos, e que debemos seguir construíndo, mellorándoa, actualizándoa, sobre a base sólida dos principios democráticos e os valores cívicos de respecto e de diálogo que fundamentan a nosa convivencia.

Uns principios e valores que, como comprobamos mesmo neste ano 2017, están profundamente arraigados na nosa sociedade, na vida diaria dos nosos cidadáns, e teñen raíces moi fondas nas conciencias e nos sentimentos dos españois. Moito máis do que nos podiamos imaxinar. 

España é hoxe unha democracia madura, onde calquera cidadán pode pensar, defender e contrastar, libre e democraticamente as súas opinións e as súas ideas; pero non impoñer as ideas propias fronte aos dereitos dos demais. 

Respectar e preservar os principios e valores do noso Estado social e democrático de Dereito é imprescindible para garantir unha convivencia que asegure “a liberdade, a igualdade, a xustiza e o pluralismo político”, tal e como sinala a nosa Constitución. Porque cando estes principios básicos se creban, primeiro deteriórase a convivencia e logo faise inviable. 

Hai uns días, os cidadáns de Cataluña votaron para elixir os seus representantes no Parlament, que agora deben afrontar os problemas que afectan a todos os cataláns, respectando a pluralidade e pensando con responsabilidade no ben común de todos.

O camiño non pode levar de novo ao enfrontamento ou á exclusión, que – como sabemos xa– só xeran discordia, incerteza, desánimo e empobrecemento moral, cívico e ,por suposto, económico de toda unha sociedade. 

Un camiño que, en cambio, si debe conducir a que a convivencia no seo da sociedade catalá, tan diversa e plural como é, recupere a serenidade, a estabilidade e o respecto mutuo; de maneira que as ideas non distancien nin separen as familias e os amigos. Un camiño que debe conducir tamén a que renaza a confianza, o prestixio e a mellor imaxe de Cataluña; e a que se afirmen os valores que a caracterizaron sempre na súa propia personalidade e lle deron os mellores momentos da súa historia: a súa capacidade de liderado e de esforzo, o seu espírito creativo e vocación de apertura, a súa vontade de compromiso, e o seu sentido da responsabilidade.

Pero superar os problemas de convivencia que xerou esta situación non nos pode facer esquecer, por suposto, outras serias preocupacións e desafíos da sociedade española, que tamén condicionan o noso futuro e aos que me vou referir moi brevemente: A nosa economía e o emprego melloraron substancialmente, pero a creación de postos de traballo estables ten que ser sempre un obxectivo esencial e prioritario. Como igualmente non pode caer no esquecemento a obriga e a responsabilidade de afrontar a desigualdade e as diferenzas sociais, sobre todo tras as consecuencias xeradas pola recente crise económica, que tanto dano fixo a non poucas familias, e afectou tanto o futuro de moitos mozos. 

O terrorismo yihadista segue a ser unha ameaza mundial e este ano nós sufrímolo directamente en Barcelona e Cambrils. Os españois sabemos moi ben que só dende a unidade democrática, a firmeza do Estado de Dereito, e a eficacia da cooperación internacional, poderemos vencelo e derrotalo. E así o faremos, tendo sempre moi presentes o recordo e o respecto permanente ás súas vítimas. 

A corrupción mantense tamén como unha das principais preocupacións da sociedade, que demanda que sigan tomándose as medidas necesarias para a súa completa erradicación e que os cidadáns poidan confiar plenamente na correcta administración do diñeiro público. 

Por outra parte somos Europa, e Europa encóntrase nestes momentos nunha encrucillada histórica. España debe recuperar o seu protagonismo nun proxecto europeo que agora require dunha maior vitalidade e impulso. Europa –e España con ela– ten que facer fronte a uns retos que son globais e ante os que non cabe a debilidade ou a división senón a fortaleza da unión. 

A defensa do medio e a loita contra o cambio climático non son problemas menores nin secundarios pola dimensión e os riscos que carrexan e que xa estamos a sufrir. Debemos ser moi conscientes diso, e implicarnos todos moito máis. E España debe manterse firme nos seus compromisos ante un problema que afecta a todo o planeta e que require solucións non só globais, senón verdadeiramente urxentes. 

Temos outras moitas preocupacións –dende logo– pero esta noite non quero esquecerme das mulleres que, nun silencio tantas veces imposto polo medo, sofren a violencia de xénero. Unha eiva inadmisible que nos fere nos nosos sentimentos máis profundos e nos avergonza e indigna. Manteñamos a firmeza e o apoio político para axudar e defender as vítimas e concienciemos a toda a sociedade contra esa violencia, criminal e covarde, que degrada a nosa convivencia. 

2018 agárdanos nuns días e debemos seguir construíndo o noso país, porque a historia non se detén. E non chegamos ata aquí para temer ao futuro senón para crealo. E estou seguro de que ninguén desexa unha España paralizada ou conformista, senón moderna e atractiva, que ilusione; unha España serena, pero en movemento e disposta a evolucionar e a adaptarse aos novos tempos. 

Sintámonos, sen complexos, orgullosos de todo o que conseguimos porque é mérito de todos; confiemos no que sempre nos uniu, no que somos, tal e como somos, e sobre todo no que podemos alcanzar xuntos cunha fe firme nas nosas conviccións e nas nosas capacidades. Se seguimos por ese camiño, se o facemos así, e con todas as nosas enerxías, eu estou convencido de que o ano que vén, e os que virán despois, serán moito mellores. 

Sen dúbida. Ese é o meu desexo para todos nesta noite tan especial. Moitas grazas. 

Feliz Navidad, Eguberri on, Bon Nadal e Boas festas. Boas noites. E feliz e próspero ano 2018."

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.