sábado, 23 de diciembre de 2017

Escoitando a Jorge López Quiroga sobre os suevos na Gallaecia (411-585), o primeiro reino medieval de occidente

Escoitei onte con atención ao catedrático de Arqueoloxía e comisario da exposición " In Tempore Sueborum, Jorge López Quiroga, que no marco do Foro La Región conseguiu encher o auditorio do Centro Cultural Marcos Valcárcel.

O acto foi presentado polo director de márketing da Rexión, Manuel Ledesma, e o director do Museo arqueolóxico Xulio Rodriguez.

Jorge López Quiroga, naceu en Ourense no ano 1966, é Doutor en Xeografía e Historia (Universidade de Santiago de Compostela, 1997) e en Historia (Universidade de París IV, París- Sorbona, 1997). Antigo Bolseiro da Fundación Alexander vom Humdolt (Universidade de Friburgo , 1999-2000). Autor de numerosas publicacións e responsable de diversos proxectos de investigación. A súa investigación céntrase nos procesos de transición entre a Antigüidade e a Idade Media (séculos V-X). Arqueólogo da Universidade Autónoma de Madrid.

Co apoio de infografías e dun modo didáctico e completo o conferenciante realizou unha introdución sobre quen foron os suevos e que representaban antes de chegar á Gallaecia; e tamén sobre o reino suevo, a súa historia cronolóxica, como se mitificou e tratou. E como chegou a ser a primeira entidade política que asociou un pobo ao territorio, delimitando o espazo.

Unha excelente intervención referida a un período complexo, e con pouca información cuxo fin chegou no ano 585 D. C.

O broche final foron estas intelixentes palabras: "A mensaxe que debe pervivir é que a historia debe servir para comprender o presente e mellorar o futuro", verbas que puxo dun modo sutil en relación coa nosa actualidade política e social: "O éxito de Roma foi integrar, a exclusión é mala conselleira".

Tomamos boa nota.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta