A Xunta acorda autorizar a contratación da obra da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas

Celebro moito que está mañá o Consello da Xunta, presidido por Alberto Núñez Feijoo aprobara o acordo polo que se autoriza a contratación da obra da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas.

Esta infraestrutura de nova construción unirá a: autovía das Rías Baixas (A-52) coa N-525 e suporá un investimento da Administración autonómica de máis de 21 millóns de euros.

O Goberno galego licitará nas vindeiras semanas o contrato para a execución das obras, que comezarán antes do verán de 2018 e terán un prazo de 24 meses, polo que estarán finalizadas a mediados de 2020.

A Xunta reservou no seu proxecto de orzamentos para o ano 2018 unha partida orzamentaria específica para infraestrutura, ao tempo que se reservan os fondos necesarios para executala nos orzamentos futuros. Esta actuación será cofinanciada con fondos Feder do programa operativo 2014-2020, que permitirán garantir a execución desta conexión.

 Estas obras teñen por obxecto a construción dunha vía de novo trazado, que contará con preto de 4,5 quilómetros de lonxitude e percorrerá os termos municipais de San Cibrao das Viñas e de Taboadela. O trazado escollido é froito de compatibilizar a menor afección posible aos terreos, edificacións e infraestruturas xa existentes cos requirimentos técnicos dunha vía destas características.

Unha vez que estea en servizo, a vía reducirá o percorrido de conexión coa autovía en aproximadamente un 66%, ao pasar de 11 a 4,5 quilómetros, e, adicionalmente, mellorará a conectividade coa autovía de Celanova. 

O polígono de San Cibrao das Viñas conta con 5 millóns de m2 de superficie, con máis de 300 empresas instaladas, e dá emprego a preto de 8.000 persoas, polo que é un motor económico para toda a provincia de Ourense, que precisa das boas conexións coa rede viaria de alta capacidade para incrementar a súa eficacia na distribución de materias e mercadorías e xerar maior actividade. 

Con esta obra, preténdese impulsar unha conexión estratéxica que atenderá a demanda empresarial e cidadá, favorecerá a mobilidade e os desprazamentos nesta área industrial e ofrecerá novas facilidades para que as industriais alí asentadas poidan medrar. A mellora das conexións significará novas oportunidades para que o polígono se converta en polo de atracción de novos investimentos na provincia de Ourense e de toda Galicia.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.