A Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) cumpre corenta anos

Asisto onte pola tarde na sede de Afundación en Ourense ao acto de conmemoración do 40 aniversario da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO).

O encontro empresaria e social, estivo presidido polo actual presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal, así como polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o presidente da Confederación Española de Pequenas e Medianas Empresas (CEPIME) e vicepresidente da Confederación de Empresarios Españois (CEOE), Antonio Garamendi; o presidente da Deputación, José Manuel Baltar; e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Primeiro foi proxectado un vídeo conmemorativo dos 40 anos da CEO, rememorando a súa historia desde a súa creación, o 5 de setembro de 1977, até a actualidade, baixo o lema “40 anos de compromiso por Ourense”.

Falou en primeiro lugar José Manuel Pérez Canal, que despois de agradecer o traballo dos predecsores e de facer repaso da historia e traxectoria da CEO, aproveitou para pedirlle a Núñez Feijóo que axude a axilizar as infraestruturas demandadas polos empresarios para facilitar a actividade económica, como a execución da autovía A-76, Ourense-Ponferrada, da autovía Ourense-Lugo, e da circunvalación norte de Ourense, infraestruturas do Estado, e do enlace da A-52 co Polígono de San Cibrao, de titularidade autonómica.

Interviron tamen o presidente de CEPYME, Antonio Garamendi, o  da Deputación, Provincial José Manuel Baltar, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

No transcurso do acto foron entregados recoñecementos aos anteriores presidentes da Confederación Empresarial de Ourense. Francisco Rodríguez, presidente de 1993 a 2013; Manuel Cabezas, durante o 1993; Manuel Martínez, que presidiu a entidade entre o 1991 e o 1993; Miguel Ángel Pérez, presidente dende o 1986 até o 1990; Guillermo Collarte, dirixente da entidade entre 1983 até o 1985; foi a súa filla, Berta Collarte a que recolleu o premio. E, finalmente, Emilio Pérez Nieto, presidente do 1977 ao 1983.

En nome dos premiado falou  Emilio Pérez Nieto lembrando o difíciles inicios da CEO, construindo o asociacionismo empresarial coa chegada da democracia a España.

Pechou o acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacando a determinación, o afán por diferenciarse e a confianza dos emprendedores en Galicia como elementos claves na recuperación económica.
Precisou que estes tres aspectos están a contribuír a que a economía galega estea, por exemplo, medrando por riba do 3%; a que se leven xa cinco anos consecutivos marcando cifras récord en exportacións, cun incremento do 8% no que vai de ano, e coa segunda mellor balanza comercial de España; e a que a industria en Galicia estea cada día máis conectada á Universidade e aos centros tecnolóxicos para ofrecer produtos e servizos máis innovadores.
Feijóo aseverou, ademais, que todas estas cifras constatan o compromiso do Goberno galego co emprendemento; en conseguir que o día a día das empresas e dos emprendedores estea despexado de obstáculos, achegando solucións e certezas.
Nesta liña, referiuse á aprobación da Lei de implantación empresarial, cuxo principal obxectivo é que os trámites administrativos sexan unha garantía e non unha encrucillada que enlenteza ou disuada a actividade económica. “E convencidos, tamén, de que desenvolver un proxecto en Galicia ten que ser considerado como un valor engadido por todo canto están a innovar os sectores estratéxicos; non como un custo engadido polo prezo do solo industrial ou o pagamento de impostos, tanto locais como autonómicos”, engadiu.
Así mesmo, e no eido dos traballadores por conta propia, aseverou que contan con medidas pioneiras como o Bono Autónomo para consolidar os seus negocios. Ao respecto, precisou que máis de 4.000 autónomos galegos se beneficiarán o vindeiro ano de axudas para iniciar a súa actividade, que poden chegar aos 4.000 euros para os menores de 30 anos; ademais de dispoñer de apoios para a contratación indefinida de traballadores de entre 3.000 e 14.000 euros.
Foto de Carlos Hervella.- O Sil
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta garantiu tamén o compromiso de seguir apoiando a internacionalización das empresas a través de programas como o Galicia Exporta; e o fomento da innovación nas pemes que queiran modernizarse e avanzar neste ámbito.
Por último, aproveitou o acto para reivindicar a importancia da colaboración público-privada, facendo fincapé no traballo conxunto e no diálogo permanente.
Feijóo tamén anunciou, con respecto ás infraestruturas demandadas polos empresarios ourensáns, que nos Consellos da Xunta que quedan neste ano “vaise aprobar a licitación do enlace co Polígono de San Cibrao” e dixo que esta semana o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, estará en Galicia e que lle vai trasladar a petición da A-76, acceso central a Galicia e o enlace de Ourense con Lugo, “que son as dúas únicas cidades que nos quedan por comunicar”, asegurou.

Parabéns a CEO e o meu recoñecemento o traballo realizado por esta asociación empresarial nestos corenta anos de vida.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.