viernes, 17 de noviembre de 2017

Turismo+Deporte, en Ourense no I Salón do Deporte e Turismo Activo, Sportur

Asisto está mañá en Expourense ao acto inaugural do I Salón do Deporte e Turismo Activo, Sportur, unha iniciativa que promoverá o potencial de Galicia como destino activo e saudable durante todo o ano e onde se levarán a cabo diferentes iniciativas para os afeccionados ás actividades ao aire libre.

Sportur Galicia foi inaugurado pola delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira; a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro. Estiveron acompañadas polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; polo presidente do INORDE, Rosendo Fernández; e polo director xerente de Expourense, Alejandro Rubín.

Durante as súas intervencións quedou claro o potencial de Galicia como destino de turismo activo e o potencial do deporte como motivación turística que contribúe a coidar a contorna natural, á dinamización económica das zonas rurais e a desestacionalizar a oferta turística da comunidade.

Nava Castro indicou ademais que o deporte é xa a motivación principal para un 5% dos turistas nacionais e internacionais. Este dato indica que durante o 2016 España recibiu 4 millóns de visitas motivadas polo deporte que realizaron un gasto que superou os 1.000 millóns de euros entre o turismo nacional e os 1.300 millóns de euros entre o turismo internacional. 

 “Cremos no deporte como un xeito de enriquecer a actividade turística, especialmente fóra de tempada alta”, explicou Nava Castro, recordando que así se plasma na Estratexia de turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego coa que a Xunta de Galicia traballa xunto co sector para consolidar a competitividade e calidade do destino.

Neste sentido, referiuse á importancia que o turismo activo está a ter na estratexia turística  de Galicia, “un escenario privilexiado para a práctica de numerosos deportes”, explicou enumerando algúns deles, que terán presenza en Sportur, como o surf, as regatas náuticas, o golf, as BTT -bicicletas para as que Galicia conta con catro centros repartidos por toda a Comunidade- o running, sendeirismo, kayak, paddle surf o paddleboard;  ou mesmo o disc golf unha disciplina con presenza en varios países de Europa e para a que en Galicia se conta desde hai uns meses cunha das primeiras pistas instaladas en toda España, no Parque Monte do Gozo de Santiago de Compostela.

Do mesmo xeito, referiuse á oportunidade de Sportur para o intercambio profesional do sector, coa celebración do Primeiro Seminario de Turismo Activo e Deportivo de Galicia e un workshop no que participarán destacados destinos onde se promoverán encontros entre operadores e axencias especializadas en turismo activo de Galicia, Andalucía, Asturias, Madrid ou Cataluña.

Pola súa banda, a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez apuntou que de entre todos os participantes de Sportur destacan as “32 federacións e clubs de toda Galicia que participarán activamente cun expositor propio e programarán actividades no Salón, contando co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte”. Ademais, informou a secretaria xeral, “a Xunta de Galicia realiza unha convocatoria especial para os técnicos e xestores municipais a través das charlas que terán lugar ao longo dos tres días e nomeadamente o venres 16, cando o director xerente da Fundación Deporte Galego impartirá a conferencia ‘Galicia Activa como ferramenta para o fomento da Actividade Física Saudable e como referencia de Recursos en Galicia’”.

Para a titular do Deporte galego, o obxectivo de Sportur “non é outro que acadar que Galicia sexa aínda máis coñecida como destino activo e saudable, como unha terra que ofrece multitude de opcións para gozar do deporte e das actividades ao aire libre”. “Unha chamada global a todo o mundo para que practiquen estas actividades e que nosa sociedade se vexa beneficiada cunha mellor calidade de vida”, concluíu.

Organizado por Expourense  coa colaboración de Turismo de Galicia e a Secretaría Xeral para o Deporte, Sportur celebrarase en Ourense do venres 17 ao domingo 19 de novembro e está dirixido a deportistas, afeccionados e tamén a profesionais para dar a coñecer servizos, produtos e opcións vinculadas co turismo activo e o deporte. Inclúese tamén un espazo para as asociacións e federacións deportivas de Galicia.  

 MÁIS DE 100 ACTIVIDADES

Organizado por Expourense co apoio principal da Xunta de Galicia, Sportur Galicia coincide coa presenza na cidade de Ourense de milleiros de deportistas que participarán na Carreira Popular de San Martiño e que terán a opción de recoller os seus dorsais no propio recinto feiral (hoxe durante toa a tarde e mañá durante toda a xornada). Aqueles que vaian participar nesta proba poden ademais achegarse ata o stand de Coca-Cola e convertir a súa paixón polo deporte en litros de solidariedade xa que esta empresa contará cunha cinta que traducirá os kilómetros que se corran nela por litros de auga e refrescos, que serán doados a Cáritas.

Medio milleiro de escolares e outros tantos xoves de distintos clubes deportivos foron os primeiros en descubrir esta mañá os 10.000 metros cadrados cubertos nos que practicar deportes xa coñecidos e gozar, aprender e descubrir outros novos. Máis de 100 actividades converten a Sportur Galicia na mellor cita para a fin de semana para os deportistas profesionais e afeccionados e tamén para as familias. Expourense convértese durante tres días nun gran parque multiaventura para todas as idades que permite, a través de distintos simuladores, dende navegar polos océanos ata voar como un paxaro polas rúas de Nova Iorque, dende desputar unha regata de remo ata escalar unha gran montaña. Tamén se pode un fotografiar coas réplicas das copas de campionatos e mundiais da Selección Espaola de Fútbol. O programa completo con día e hora pode consultarse na web do evento www.sporturgalicia.com.

Durtante esta primeira xornada o Concello de Ourense presentou a “Martiño” o león do escudo da cidade que serve para presentar que as áreas termais tamén son un plan perfecto para hozar en familia.

Esta cita serve ademais de punto de encontro dos deportistas cos seus siareiros. Durante esta primeira xornada, Sportur recibiu a visita das xogadoras con Enviala F.S. que son Campionas de España de Fútbol Sala dos capitáns do Monbús Obradoiro CAB.

ACCIÓNS PROFESIONAIS

Sportur Galicia é un evento único que conxuga turismo e deporte con educación e coa adopción de hábitos saudables que poidan mellorar a nosa calidade de vida pero que tamén ten unha componente profesional enfocada ao negocio. Esta mañá comezou o 1º Workshop de Turismo Activo de Galicia no que participaron maioristas de viaxes especializados neste sector procedentes de distintos puntos de España que mantiveron reunións B2B cos representantes de destinos de turismo activo e empresas presentes no salón. 

Entre outras accións de carácter profesional está o 1º Seminario sobre Deporte e Turismo Activo de Galicia con presentacións que tiveron un amplo seguemento como a de “Termalismo Deportivo” que impartiu o INORDE ou a de “Xeración de Impacto Económico e Turístico a través do Deporte” da Universidade de Vigo. Pola súa parte, a Fundación Deporte Galego presentou a “Galicia Activa como ferramenta para o fomento da Actividade Física Saudable” e houbo unha mesa redonda sobre as oportunidades que ofrece o Turismo Activo e Deportivo.

Entre as ponencias que tiveron lugar ao longo desta primeira tarde de Sportur Galicia destaca a presenza do director de comunicación da Real Federación Española de Fútbol, Marcos Rocha, que participa da man do Ourense F.C. e que ofreceu a charla-coloquio: “a Selección Española, caso de éxito en comunicación dixital”. Tamén se celebrará unha mesa redonda sobre a Federación Galega de Fútbol onde participou o seu presidente, Rafael Louzán, e o do comité galego de árbitros, Bernardino González, entre outros. 

A entrada a Sportur Galicia é gratuíta. As novidades de Sportur poden seguirse a través da súa web e dos seus perfís en Facebook e Twitter.

Paga a pena visitala.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta