jueves, 16 de noviembre de 2017

A Xustiza resolve que no caso Prestige corresponde ao Estado español a cantidade de 1.573 millóns de euros, á Xunta de Galicia 1,8 millóns e a Francia 61 millóns de euros, ademais das sumas que se fixan para outras entidades, concellos e particulares

Publicaba neste blog o pasado luns unha entrada na que falaba do quince aniversario do accidente do buque petroleiro "Prestige" e das actividades xudiciais pendentes, dentro dun longo e mói complexo proceso.
Pois ben, coñecemos onte que A Audiencia Provincial de A Coruña notificou o auto de execución da sentenza do caso Prestige ditada en xaneiro de 2016 polo Tribunal Supremo, que modificou parcialmente a que a Sección Primeira da Audiencia coruñesa pronunciou en 2013. 
Na resolución determínanse as sumas que definitivamente procede abonar aos prexudicados, cantidades que deberán ser pagadas polas partes condenadas, isto é, directamente por Apostolos Ioannis Mangouras  (capitán do barco) e  a compañía aseguradora The London Steamship Owners Mutual Insurance Association, polo menos ata o límite dun billón de dólares estadounidenses. 
Subsidiariamente, condénase a facer fronte ao pago destas cantidades á entidade Mare Shipping INC (propietaria do buque), mentres que o Fondo Internacional de Indemnización de Danos debidos á Contaminación por Hidrocarburos (FIDAC) está obrigado a indemnizar ata os límites expresamente establecidos no convenio aplicable. 
Desta forma, a Sala entende que corresponde ao Estado español a cantidade de 1.573 millóns de euros, á Xunta de Galicia 1,8 millóns e a Francia 61 millóns de euros,  ademais das sumas que se fixan para outras entidades, concellos e particulares. 
En relación á cantidade fixada para o Estado, a Sala entende que o dano patrimonial acreditado é de 931 millóns de euros, cantidade á que suma un 30% por dano ambiental, é dicir, 279 millóns de euros. Os maxistrados entenden que a esta cifra hai que engadirlle outro 30% por dano moral indemnizable, é dicir, 363 millóns de euros, o que arroxa un total de 1.573 millóns. 
Indica o auto que "os danos morais causados son obvios, extensos e profundos, non só polo sentimento de temor, ira e frustración que afectou a gran parte dos cidadáns españois e franceses, senón tamén pola pegada indeleble da percepción referida a que catástrofes desta ou máis ampla magnitude poden afectar en calquera momento aos mesmos prexudicados". 
Na sentenza ditada polo Tribunal Supremo xa se recoñecía como cantidade acreditada indemnizable a de 513 millóns de euros, pero os maxistrados da Audiencia Provincial afirman que "existen demostracións técnicas que avalan a necesidade de aumentar a indemnización por encima do certificado, como se infere dos informes do Consorcio de Seguros, aceptados pola súa orixe oficial e imparcial, sen que sexan os máis favorables ao Estado". 
En relación aos 1,8 millóns que se adxudican á Xunta, refírense exclusivamente ao custo da reciclaxe de elementos contaminantes depositados na Sociedade Galega de Refugallos Industriais (SOGARISA), "xa que a Xunta subscribiu un acordo co Estado no que renunciaba a toda indemnización ao considerarse integramente resarcida polos danos ocasionados polo accidente do buque Prestige". En concreto, refírese o auto a un acordo transaccional de xullo de 2005 polo importe anteriormente mencionado de 513 millóns.
Os maxistrados decidiron, con respecto á suma de 22,7 millóns de euros depositada pola entidade aseguradora The London Steamship Owners (The London P&I Club), que ha de procederse á súa distribución entre os prexudicados a prorrata das cantidades fixadas na resolución. En canto aos intereses, só esixiranse desde a firmeza do auto notificado hoxe. Fronte a esta resolución cabe interpoñer recurso ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta