O presidente da Deputación de Ourense presenta no Parlamento os orzamentos provinciais para 2018

Salientar que hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, compareceu diante da Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para dar conta dos orzamentos da Deputación de Ourense para o ano 2018.

Unha comparecencia que a acredita o o máximo respecto ao Parlamento, e na que Baltar presentou  unhas contas que son as do emprego e da cooperación, destacando que a Deputación de Ourense “ é a única das catro deputacións de Galicia que se presenta no Parlamento cos orzamentos xa aprobados, a primeira administración pública de España en facelo. Unha situación que ten moito que ver con conceptos como planificación, previsibilidade e seguridade xurídica, trazas inherentes á administración que presido”.

Os orzamentos da Deputación de Ourense para 2018 ascenden a 80.707.000 euros, “a cifra máis alta dos últimos seis exercicios”, subliñou Baltar, destacando como principais novidades: o mantemento da previsión de endebedamento cero da Deputación en maio de 2019, “reducíndose en máis de cen puntos dende febreiro de 2012. Unha redución espectacular que significará a “débeda cero” da institución en 2019”. Tamén se referiu o presidente á aposta polo emprego por parte da Deputación de Ourense, duplicando nestes orzamentos a contía do Plan de empregabilidade dos concellos (20.000 € para todos os concellos), axustando  o importe dos proxectos de obras do plan provincial (51.000 €, redacción de proxecto incluída).

As contas inclúen desde o inicio do exercicio orzamentario o plan de obras, o plan de desborces, o plan de empregabilidade e o plan de axudas para actividades relacionadas coa mocidade, e a  Deputación volve a financiar integramente o Plan de obras, que inclúe tamén ao concello de Ourense e á entidade local menor de Berán (24.000 euros), cun importe total de 4.477.000 euros.

A rede viaria provincial conta nos orzamentos cun investimento de 2.000.000 de euros, e dótase ao Consorcio Provincial de incendios con 1.419.750 euros. Asemade, asúmese a parte de financiamento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal, aportando para este fin a Deputación de Ourense 813.333 euros, a asumindo a Deputación a súa parte e a dos concellos.

Manuel Baltar explicou que o compromiso medioambiental do goberno provincial reflíctese na contía orzamentaria destinada a esa área estratéxica (12.193.505 euros), e que os servizos sociais “seguen a ser unha aposta clara, co Plan Benourense cifrado en 2018 en 1.200.000 euros”. Ademais, increméntanse os orzamentos do Inorde, ascendendo a 1.780.000 euros, para o desenvolvemento local, turístico e económico, e mantéñense o Plan de axudas á natalidade, o Plan de Termalismo (500.000 euros), o Plan para gastos correntes de concellos con insuficiencia financeira ou orzamentaria, a liña de subvencións de deportes (400.000) e o Plan Tarazana de actividades recreativas e culturais (200.000). E a entidade local menor de Berán, por primeira vez, inclúese tamén nos plans de de empregabilidade (10.000 euros) e de axudas para a mocidade (3.000 euros).

Baltar dixo que a cooperación coa universidade e co ensino superior “è unha realidade consolidada, tanto co Campus de Ourense -coa súa especialización como “Campus da Auga”-, como coa UNED, para a que achegamos un mínimo de 420.998 euros”. Asemade, mantéñense convenios con grupos de investigación das universidades vencellados ao estudo da realidade provincial como o “Grupo Colmeiro” ou co evidente protagonismo de Ourense no ámbito do municipalismo español como o acordo co GEN+ do campus de Ourense.

Baltar destacou que en 2018 “mantéñense as axudas á natalidade, única deputación galega en contar con elas”, e tamén a liña de axuda aos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas do territorio provincial, catro das cinco galegas. Consolídanse colaboracións coas entidades empresariais máis representativas no ámbito autonómico, como o Círculo de Empresarios de Galicia; provincial, como a Confederación Empresarial de Ourense e a Cámara de Comercio e Industria; e mesmo a nivel comarcal e local, como a Asociación de Empresarios de Valdeorras ou a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas. Neste sentido, o Plan “Exportou”, coa CEO, “representa –dixo Manuel Baltar- unha aposta directa polo apoio á internacionalización das nosas empresas, co protagonismo que merecen as misións empresariais”.

“Ourense é cultura –expresou o presidente provincial- e a Deputación segue formando parte e colaborando decisivamente coas entidades culturais de referencia na provincia: Fundación Otero Pedrayo, Fundación Curros Enríquez, Liceo de Ourense e Coral de Ruada, e por suposto coa recentemente creada Fundación Blanco Amor, na honra dun dos xigantes das nosas letras”.

Son, en definitiva, os orzamentos do emprego e da cooperación, do compromiso coa provincia e cos seus concellos, cos cidadáns e co futuro de Ourense”, dixo Manuel Baltar. “Unhas contas que fan unha aposta especial pola cooperación cos concellos para crear emprego directo. Sobre a base do Plan de empregabilidade de anos anteriores, que foi quen de xerar arredor de 200 postos de traballo anualmente, duplicamos o seu importe para crear máis de 400 empregos. Xurde esta decisión da opinión maioritaria de alcaldes e alcaldesas loubando este plan e considerándoo de especial relevancia”.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta


Con la tecnología de Blogger.