Pedro Puy: “Galicia está apostando porque se teñan en conta os custos reais da prestación de determinados servizos en función de circunstancias obxectivas e avaliables que xeran un custo engadido”

Da actualidade política de hoxe, saliento as declaracións do portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificando de “eloxiable” a forma na que o Goberno central está a operar na negociación do novo financiamento autonómico, ao contar primeiro cunha análise por parte de expertos e buscar despois o consenso político, fundamentalmente co PSOE. Neste debate, Puy indicou que a Xunta conta “con criterios tecnicamente xustificados, non con fantasías como a suposta explotación fiscal de Galicia que sostén o BNG en contra de toda evidencia académica ou numérica ao respecto”.

Pedro Puy sinalou que Galicia está participando nos debates sobre o novo modelo de financiamento autonómico no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira sobre a base da proposición non de lei aprobada no Parlamento galego e que o Grupo Popular pactou co Grupo Socialista.

“Os puntos que defende Galicia están claros”, asegurou Puy, quen citou en primeiro lugar, e como punto fundamental, a suficiencia. Neste sentido,  indicou que “hai cuestións no ámbito da suficiencia que poden ser mellorados, como que repercutan as subas do IVE nos ingresos da comunidade autónoma”.

“Galicia defende, ademais, unha nivelación total, en contra da opinión dos nacionalistas doutras comunidades autónomas que queren que o proceso de financiamento das comunidades non sexa completo e non afecte a todos os servizos públicos, senón que se cinga exclusivamente a algúns ámbitos como a educación, a sanidade e os servizos sociais, deixando fora outros como a xustiza ou as infraestruturas”, apuntou.

CUSTOS REAIS

O portavoz popular afirmou que “Galicia está apostando porque se teñan en conta os custos reais da prestación de determinados servizos en función de circunstancias obxectivas e avaliables que xeran un custo engadido, como o transporte escolar ou o gasto sanitario ou en dependencia”. “Todo isto se debe traducir na existencia dun único fondo que financie con criterios de nivelación as competencias homoxéneas que teñen todas as comunidades autónomas; e as que non son homoxéneas, como a lingua, deben quedar á marxe nun fondo específico para elas”, explicou.

Puy indicou que “o factor demográfico tamén debería analizarse no financiamento autonómico”. Neste sentido, lembrou que se trata dun “problema nacional pero que comezou afectando especialmente a algunhas comunidades autónomas como a galega, porque tiñan unha pirámide de idade especialmente complicada a consecuencia da emigración en décadas pasadas”.

“O que se está tratando é de poñer sobre a mesa un sistema que permita resolver a insuficiencia xeral de recursos que teñen as comunidades autónomas”, sinalou. Ademais, lembrou, tal e como xa ten dito o Presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, que este novo sistema “ten que ser por consenso a través do Consello de Política Fiscal e Financeira e co apoio político co Partido Socialista”.

Pedro Puy subliñou que, “a diferenza doutras ocasións nas que había pactos previos entre algunhas comunidades autónomas para garantir a estabilidade parlamentaria”, nesta ocasión “estase actuando dun xeito moito máis eloxiable, mellor e máis favorecedor de grandes acordos que dea estabilidade ao financiamento autonómico”.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.