No terceiro trimestre de 2017 a economía española e a galega rexistraron un crecemento do 0,8 %


Difunde hoxe o INE os datos de Contabilidade Nacional Trimestral de España. Base 2010 Terceiro trimestre de 2017

A economía española rexistra un crecemento trimestral do 0,8% no terceiro trimestre de 2017. Esta taxa é unha décima inferior á rexistrada no segundo trimestre do ano.

- O crecemento respecto ao mesmo trimestre do ano anterior sitúase no 3,1%, taxa similar á do trimestre precedente.

- A contribución da demanda nacional ao crecemento anual do PIB é de 2,7 puntos, catro décimas superior á do segundo trimestre (2,3 puntos). Pola súa banda, a demanda exterior presenta unha achega de 0,4 puntos, catro décimas inferior á do trimestre pasado (0,8 puntos).

- As taxas de crecemento trimestral e anual coinciden coas publicadas na Estimación avance do PIB trimestral o pasado día 30 de outubro.
- En termos anuais, o emprego aumenta no terceiro trimestre a un ritmo do 2,9%, taxa similar á do segundo trimestre, o que supón un incremento de 501 mil postos de traballo equivalentes a tempo completo nun ano. Este comportamento, xunto coa variación experimentada pola xornada media asociada, dá como resultado un crecemento de dúas décimas na taxa anual das horas efectivamente traballadas (do 1,6% ao 1,8%).

- O emprego da economía, en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo, rexistra unha variación trimestral do 0,8%, unha décima inferior á rexistrada no trimestre anterior.
- A variación anual do custo laboral unitario sitúase este trimestre no –0,2%, 1,2 puntos por baixo do deflactor implícito do PIB (1,0%).


GALICIA.


A economía galega acadou un crecemento interanual do 3,1% no terceiro trimestre do ano e continúa consolidando a súa recuperación, segundo reflicten as contas económicas trimestrais publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
Os datos do IGE mostran que o PIB de Galicia encadea xa oito trimestres consecutivos con taxas de crecemento iguais ou superiores ao 3%.
As contas publicadas hoxe tamén indican que a economía galega medrou un 0,8% con respecto ao trimestre anterior. Ademais, o avance da economía galega foi igual ao crecemento trimestral da economía española tanto en termos interanuais coma trimestrais, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE).
No terceiro trimestre do ano produciuse unha mellora do gasto en consumo final, que medrou un 1,3% en taxa interanual –cinco décimas máis que o trimestre anterior-, mentres que a formación bruta de capital creceu un 4,9%, 2,1 puntos máis que no segundo trimestre.
Pola parte da oferta todos os sectores da economía galega continúan en positivo, tanto a construción (4,2%) coma os servizos (3,3%), a industria (1,8%) -cun avance maior da industria manufactureira, que crece un 3,8%- e o sector primario, que avanzou medio punto.

19.881 novos empregos a tempo completo


As contas trimestrais do Instituto Galego de Estatística confirman tamén que a recuperación económica estase a trasladar tamén ao mercado laboral. No terceiro trimestre creáronse 19.881 postos de traballo equivalentes a tempo completo, cun crecemento do 2,0% respecto ao terceiro trimestre do ano pasado. Este incremento foi maior no emprego asalariado
Neste eido destaca o incremento do emprego no sector primario, que medra un 3,9%, e na industria (3,4%), cun incremento na industria manufactureira que foi aínda maior, do 3,7%. O resto de sectores tamén acadou unha evolución positiva, xa que nos servizos o emprego medrou un 1,6% e na construción un 1,2%.

Previsións


A Xunta de Galicia mantén a súa previsión de acadar un crecemento anual do PIB do 3,1% neste exercicio. Isto supón unha mellora de sete décimas respecto á estimación incluída nos Orzamentos da Comunidade Autónoma para este ano, que establecía unha taxa de crecemento do 2,4% para este período.

Fonte: INE e IGE
Con la tecnología de Blogger.