martes, 10 de octubre de 2017

Falando de temas ferroviarios en Radio Vigo

Interveño esta mañá no programa "Hoy por hoy" editado por Jacobo Buceta, emitido en Radio Vigo da cadea Ser.

Fun entrevistado na miña condición de presidente da Comisión de Fomento do Congreso, para falar de temas ferroviarios.

Falamos en primeiro lugar da conexión en alta velocidade entre Galicia e Madrid

Falei de que a posta en servizo da liña de alta velocidade entre Zamora e Taboadela vai desenvolver en dúas fases; unha inicial prevista para o tramo Zamora- Pedralba, cuxa data prevista de finalización de obras e inicio de probas está fixada para finais de 2018, que quedará completada nunha segunda fase.

Dixen que na primeira fase a vía dobre entre Zamora-Pedralba chegará ao 89,1 % e entre Pedralba-Taboadela do 66,8%. E que nunha segunda fase estas porcentaxes achegaranse ao cento por cento coa finalización das obras ata Taboadela a finais de 2019.

E tamén falei dos avances na execución das obras desde Zamora ata Taboadela. Nas plataformas, na base de montaxe de La Hiniesta, na construción os viadutos e túneles, da licitación onte mesmo da nova estación de Otero de Sanabria. etc. 

Todo iso acredita a superación dos problemas de paralización que houbo fai meses nalgúns tramos e contribúe a ver máis preto o cumprimento do obxectivo temporal marcado.

Preguntado sobre o AVE entre Vigo e Ourense, dixen que se atopaba no MAPAMA en fase de realización do informe  ambiental, que xa remitiron alegacións desde a Confederación Hidrográfica de Miño-Sil, desde Augas de Galicia e a DG de Conservación da Natureza da Xunta, e que están pendente de análise. 

Dixen que o Ministerio de Fomento pediu á Subdirección Xeral de Avaliación ambiental do MAPAMA que active ese tramitación. Reiterei o que o ministro , ïñigo da Serna expresou a finais de xullo, o compromiso co acceso directo en AVE a Vigo desde Ourense.

Preguntado polo Eixo Atlántico, falei en primeiro lugar da instalación do sistema  ERTMS que avanza con celeridade, coa instalación dun dous mil balizas, logo virán as probas e a homologación dos maquinistas. Dixen que este corredor hoxe moi seguro verá incrementada máis seguridade

Acheguei o dato de que nos oito primeiros meses de 2017 os trens do Eixo (Coruña-Vigo) moveron 1.872.250 viaxeiros, un 7,60 % máis que no mesmo período de 2016 (1.739.900). Sinalei que estamos nunha cifras que acreditan que os vigueses, pontevedreses, vilagarciáns, santiagueses e coruñeses utilizan con intensidade ese tren de alta calidade e prognostiquei que esas cifras seguirán incrementándose no futuro.

Preguntado polo tren Celta, acheguei o dato de que desde xaneiro ata finais de setembro de 2017 viaxaron na relación Vigo-Porto un total de 72.634 viaxeiros, un  20,4 % máis que no mesmo período do ano anterior (60.313). Achaquei estes incrementos á mellora económica de ambos os países, e ao incremento de turismo  así como ao seu prezo moderado.

Resaltei que hai pouco comezaron en Portugal os traballos de modernización da liña do Minho, en concreto as obras de electrificación do tramo Nine-Viana do Castelo .

E dixen que cando terminen as obras en 2019 será posible viaxar desde Vigo a Porto en 90 minutos nun tren Alfa pendular, e que seguro que esas cifras multiplicásense para viaxar entre dous grandes capitais da euroregión Galicia- Norte de Portugal.

Finalmente falamos do transporte ferroviario de mercadorías. Destaquei que onte os  tres Gobernos autonómicos, Galicia, asturias e Castela-León selaron a súa reivindicación común de que o trazado do Corredor Atlántico de Transporte de Mercadorías incorpore e priorice a conexión ferroviaria do actual trazado cos portos de Vigo, A Coruña, Xixón e Avilés, a través de Palencia e León.