domingo, 20 de agosto de 2017

Participando en Baiona na 33 edición da Carreira Pedestre Popular

Un ano máis participo en Baiona na 33 edición da Carreira Pedestre Popular "Andar e Correr" que nesta ocasión estreou o Camiño Portugués pola Costa, que foi declarado oficialmente como ruta xacobea en 2016. 

A proba organizada pola Concellería de Deportes e Actividades Marítimas contou nesta ocasión cun total de 1.808 participantes dos que 1.227 corresponderon á categoría de Adultos e o resto a Alevíns, Benjamines e Chupetes. 

Nunha mañá moi calorosa corremos os adultos, un total de 10 quilómetros. Saímos desde a entrada do Parador, o paseo de Elduayen, as rúas do Centro histórico e acometemos a dura subida de San Antón, ata alcanzar Baredo e regresar pola estrada da Guarda e o Rompeolas para finalizar na meta instalada no parque da Palma. 

Entre os participantes atopábase o que foi alcalde de Baiona e hoxe é Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

Felicidades á Concellería, pola perfecta organización que ademais contou con 150 voluntarios.