Con Rajoy e Feijóo na Carballeira de San Xusto en Cerdedo- Cotobade na apertura do curso político

Asisto esta mañá acto de arranque do curso político do Partido Popular celebrado na "Carballeira de San Xusto"  en Cerdedo-Cotobade.

O alcalde Jorge Cubela abríu o acto e deseguido falóu o presidente provincial de Pontevedra, Alfonso Rueda.



ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO

Despois o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, puxo de relevo que grazas á “política á galega” practicada en Galicia e en España ambas “melloran cada día” e, ademais, “estamos crecendo”.

Apuntou que debido ao “esforzo, talento e ambición” de galegos e españois superamos a desesperanza e “estamos crecendo” dende 2015 por enriba do 3 por cento, temos o paro por debaixo do nivel de 2008 e batemos as mellores marcas históricas de turismo.

O feito de que tanto galegos como españois teñan escollido ao Partido Popular maioritariamente débese, para Feijóo, a que “desexan que acompañemos este crecemento”. Por iso aseverou ante Mariano Rajoy que “creceremos xuntos” facilitando a inversión e axudando aos emprendedores, reducindo trámites innecesarios, impulsando infraestruturas imprescindibles como o AVE e poñendo á Adminstración ao carón dos cidadáns, non fronte a eles.

Segundo apuntou o presidente dos populares galegos, cada vez coñécese máis o noso “patrimonio cultural á galega”, a nosa “natureza á galega”ou a “gastronomía á galega”. Agora, ademais, coñécese tamén a “política á galega” que significa traballar máis do que se fala, pensar menos nos votos ca en crear emprego a longo prazo e ser leal cara ao resto dos españois.

Esta “política á galega” levou tanto a Galicia como a España –con Mariano Rajoy aos mandos- cara a saída da crise, algo que sinalou que “é xusto recoñecer”. “Din que os galegos somos indecisos, pero se hai un lugar en España onde o pobo sabe o que quere, ese é Galicia”, salientou.

No discurso de Feijóo non faltou unha sentida referencia aos recentes atentados de Barcelona e Cambrils.  “Hoxe o meu corazón, o corazón do presidente, o corazón de todo este partido, o corazón de toda Galicia está e segue estando en Barcelona”, dixo, cidade que sufriu o que “nunca debeu suceder e non pode volver suceder”. Así, alzou a voz para esixir aos que empregan as armas para defender as súas ideas “que nos deixen vivir en paz”.

Ante esta situación para Feijóo non caben nin as equidistancias nin a ambigüidade, nin o relativismo nin a xustificación. “Aquí hai malos e bos”, ao que engadiu que hai “os que matan e os que queremos vivir en paz”.

Por iso afirmou que por enriba de partidos e ideoloxías “a política ten que estar á altura, unidos, para defender o noso modo de vida e a vida dos cidadáns”, mentres denunciou que “o que non é aceptable é que haxa políticos que queiran dividir aos seus cidadáns”. “Eu estou ao carón da alcaldesa de Podemos, do president independentista e do Presidente do Goberno de España”, engadiu, e rematou dicindo que “rompéronnos a alma pero non van romper nunca o que somos”.

Nunha carballeira de San Xusto (Cerdedo-Cotobade) ateigada de simpatizantes e afiliados populares, exactamente un ano despois de comparecer no mesmo lugar como candidato á reelección á Presidencia da Xunta, o líder do PPdeG elevou “un inmenso grazas” aos galegos “por outorgarme a honra de ser quen lles represente”.

Facendo balance dos últimos doce meses, Feijóo afirmou traballar cada día por “transformar en feitos” ese ‘grazas’ e cumprir dese xeito coa súa palabra. Así, apuntou que o PPdeG cumpriu en converter a Galicia en referente de estabilidade e responsabilidade, en afastar o “bloqueo e a parálise política” da nosa terra e en evitar “multipartitos inestables”.

Do mesmo xeito, e xa mirando cara adiante, asumiu como reto do partido para o novo curso político “reforzar os alicerces do progreso económico” e “que a recuperación se traduza en máis benestar para todos”, algo que para el so pode acadarse cunha política “útil” baseada en “feitos, solucións, diálogo e rigor”.


Por último, lembrou que o Partido Popular é “o partido que fronte ao non ao diálogo, o non ao crecemento, o non ao turismo, o non a facer e o non a todo contrapón un rotundo si”. Por isto concluíu afirmando que “en España si. En Galicia si”.

MARIANO RAJOY

O presidente do Goberno e do Partido Popular, Mariano Rajoy, afirmou, dez días despois dos atentados de Barcelona e Cambrils que, independentemente de onde sexan, todas as vítimas do terrorismo son as nosas vítimas".

Rajoy expresou así o seu recordo ás vítimas do terrorismo e as súas familias "porque o primeiro e máis importante de todo sempre son as persoas. Para eles o noso agarimo e o noso apoio, están no corazón da democracia española e reivindicalas deslexitima aos asasinos porque é reivindicar a humanidade fronte ao terror".

 Mariano Rajoy salientou  que "estamos aquí para dicir que somos españois, que vivimos nun país libre, que a nosa liberdade pode moito máis que o seu medo e a democracia non cede ante a barbarie".

Neste sentido, advertiu que "imos seguir facendo todo canto estea nas nosas mans para manter, preservar e mellorar a unidade fronte ao terrorismo", porque nesta tarefa "aparcar as diferenzas fainos grandes. Ninguén logrou vencer ao terrorismo só, a unidade dos demócratas é o peor inimigo do terror, e o maior favor que lles podemos facer son as fisuras entre nós". 

"As vítimas quérennos unidos e os terroristas desunidos. Necesitamos a unidade de todos para dar as mellores ferramentas para facer o seu traballo os xuíces, policías e fiscais. Se os asasinos cambian de métodos, hábitos e condutas, temos que facer o mesmo coas ferramentas que nos outorga do Estado de Dereito", explicou.

Por iso, destacou  a necesidade de que aos responsables políticos non lles una só a dor polos atentados, senón tamén a "determinación para facer fronte a esta ameaza que compartimos con toda a humanidade".

MANIFESTACIÓN DE BARCELONA

En relación á manifestación celebrada onte en Barcelona, o presidente do Goberno subliñou que "onte estivemos onde tiñamos que estar", orgullosos de estar e, ao mesmo tempo, de que o fixese tamén o Xefe do Estado.

Un acto no que, na súa opinión, "estivemos con outras moitas persoas expresando o noso apoio ás vítimas e a nosa solidariedade con todos os cataláns sensatos, moderados e respectuosos. A todos eles o resto de españois fomos a darlle o noso apoio e solidariedade. E as afrentas dalgúns non as escoitamos". 

Segundo Rajoy, "España non se pode parar polos feitos acontecidos en Barcelona, pero o que si debería suceder é que todos nos dedicásemos aos asuntos que preocupan aos cidadáns, e que algunhas polémicas rancias que nada achegan á convivencia pasasen ao esquecemento".

RENUNCIA A PLANS DE RUPTURA, DIVISIÓN E RADICALIDADE

Precisamente por iso, o presidente do PP reclamou que "algúns responsables políticosrenuncien aos seus plans de ruptura, división e radicalidade . Con todo, como esa decisión non está nas súas mans, advertiu que o Goberno de España vai defender a soberanía nacional, a Constitución Española, a legalidade de Cataluña, o seu Estatuto de Autonomía, as súas garantías democráticas e a súa pluralidade. 

SOUBEMOS CAMBIAR A DESESPERANZA POLO CRECEMENTO

Noutra orde de cousas, Rajoy puxo de manifesto como o Goberno do PP soubo cambiar a crise, o paro e a desesperanza do ano 2011 por ?crecemento, emprego e confianza no futuro. Ao seu xuízo, aínda segue habendo moitas cousas por facer, pero "gustaríanos que o resto de partidos sumásense ás decisións que son boas para España". 

"A todas as forzas políticas que queiran traballar lealmente polo interese xeral dos españois convidámoslles a negociar e a ser partícipes da recuperación económica", subliñou.

Neste sentido, referiuse a que o Executivo en próximas datas presentará o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2018, que cualificou como un instrumento moi válido para seguir crecendo economicamente e creando emprego". 

Así, pediu ao resto de grupos da oposición que "escoiten nosas propostas e expoñan as súas, á hora de facer fronte a retos como o futuro do Estado de Benestar, a educación ou as pensións, e falando en todo momento dos retos do futuro e non dos episodios do pasado".

"O noso reto máis importante seguirá sendo o emprego, en calidade e cantidade. Segundo a EPA, traballan en España 660.000 persoas máis que hai un ano, temos máis de 18,5 millóns de afiliados á Seguridade Social, moitos máis que cando chegamos ao Goberno, pero queremos que sexan moitos máis e chegaremos aos 20 millóns de españois no ano 2019", indicou.

Por último, en relación á polémica relacionada co turismo no noso país, Rajoy lembrou que máis de 2,5 millóns de españois traballan neste sector, á vez que afirmou que ¡quen vai contra o turismo son os mesmos radicais e extremistas que só saben falar de fronteiras nun mundo que cada vez ten menos".

"Somos o país máis acolledor do mundo e queremos seguir séndoo aínda que lles a pesar dalgúns", concluíu.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.