martes, 22 de agosto de 2017

As exportacións aumentan un 10 % no primeiro semestre de 2017

Coñecemos hoxe o Informe de Comercio Exterior do mes de xuño elaborado pola Subdirección Xeral de Estudos e Avaliación de Instrumentos de Política Comercial, Dirección Xeral de Política Comercial e Competitividade, da Secretaría de Estado de Comercio, do Ministerio de Economía e Competitividade.

E así sabemos que España exportou entre xaneiro e xuño por valor de 140.876 millóns de euros, a cifra máis alta da serie. O forte aumento das importacións fixo que o déficit aumentase ata os 11.088 millóns de euros.

As exportacións españolas de mercadorías en xaneiro-xuño deste ano aumentaron un 10% respecto ao mesmo período do ano anterior e alcanzaron os 140.876 millóns de euros, máximo histórico da serie para o acumulado neste período. As importacións aumentaron un 11,8%, ata os 151.964 millóns de euros, tamén máximo da serie. Como resultado, o déficit comercial dos seis primeiros meses do ano situouse en 11.088  millóns de euros, un 40,7% máis que o rexistrado no primeiro semestre de 2016. As exportacións españolas mostraron mellor evolución que as do conxunto da zona euro e a Unión Europea.

A taxa de cobertura -exportacións sobre importacións- situouse no 92,7% (94,2% en xaneiro-xuño de 2016), o que constitúe o terceiro mellor rexistro de toda a serie histórica, só superado en 2013 e 2016.

En termos de volume, as exportacións aumentaron un 9,6%, xa que os prezos, aproximados polos Índices de Valor Unitario (IVUs), subiron un 0,4%, e as importacións creceron un 5,4%, ao crecer os prezos un 6,1%.

O saldo non enerxético arroxou un superávit de 262 millóns de euros (99 millóns de euros de superávit no acumulado ata xuño de 2016) mentres que o déficit enerxético incrementouse un 42,3%, ata os 11.351 millóns de euros (7.978 millóns en 2016).

O crecemento das exportacións españolas entre xaneiro e xuño supera ao da súa contorna: no conxunto da zona euro subiron un 7,7% e na Unión Europea un 7,9%. Aumentaron tamén en menor medida as exportacións de Italia (8%), Alemaña (6,1%) e Francia (3,5%), mentres que Reino Unido (18,3%) mostrou unha mellor evolución. As vendas de EEUU (6,7%), China (5,3%) e Xapón (9,5%) tamén creceron, aínda que en taxas  inferiores ás españolas.

Os principais sectores experimentaron crecementos nas súas exportacións. Os bens de equipo (que representan un 20% do total) incrementáronse un 8,8% e alimentación, bebidas e tabaco (17% do total) creceu un 9,7%. O crecemento do sector do automóbil (17,2% do total) foi máis débil, un 0,1%.

En importacións, a consolidación da recuperación económica explica o crecemento da maioría dos sectores. Así, as de bens de equipo (21,4% do total) aumentaron un 10% interanual, as de produtos enerxéticos (13,6% do total), un 51,7%; as do sector automóbil (13,5% do total), un 2%; as  manufacturas de consumo, un 4,1%, e as de alimentación, bebidas e tabaco, un 7,8%.

As exportacións dirixidas á Unión Europea (66,6% do total) ascenderon un 9,6% nos seis primeiros meses do ano. As vendas á zona euro (52,2% do total) aumentaron un 10,1% e as destinadas ao resto da Unión Europea (14,4% do total), creceron un 7,7%.

Fóra da UE, as vendas a terceiros destinos (33,4% do total) creceron un 11% neste período, con aumentos das exportacións a Oceanía (15%), Asia excluído Oriente Medio (14,8%), América Latina (12,5%), América do Norte (10,1%) e África (8,3%). Pola contra, descenderon as exportacións dirixidas a Oriente Medio (-2,2%). Destacan os aumentos de vendas a mercados con gran potencial como China (27,1%), Canadá (23,6%), Sudáfrica (20,6%) e México (15,8%).

As comunidades autónomas con maiores crecementos nas súas exportacións foron Baleares (124,6%), Canarias (37,7%) e  Murcia (23,5%). Os maiores descensos déronse en Castela e León (-4,8%), Cantabria (-2,2%) e Navarra (-1%).

GALICIA- XANEIRO A XUÑO:

As exportacións da Comunidade Autónoma de Galicia (7,7% do total) alcanzaron a suma de 10.882,8 millóns de euros e subiron un 12,3% interanual. As principais exportacións proviñeron dos sectores de manufacturas de consumo (28,2% do total, incrementáronse un 12,2% interanual), sector automóbil (18,9% do total, decreceron un 2,1% interanual) e bens de equipo (16,3% do total, subiron un 12,8% interanual).

A taxa interanual das exportacións galegas en xuño de 2017 é do 19,9 %, mentres que no conxunto do Estado é do 5,7 %

As importacións de Galicia (5,7% do total) alcanzaron a suma de 8.620,2 millóns de euros e creceron un 11,3% interanual.

O saldo comercial dos seis primeiros meses do ano situouse en 2.262,6  millóns de euros, un 16 % máis que o rexistrado no primeiro semestre de 2016.


OURENSE- XANEIRO A XUÑO:

As exportacións da provincia de Ourense (0,3 % do total) alcanzaron a suma de 421,6 millóns de euros e subiron un 7,5 % interanual. 

As principais exportacións proviñeron dos sectores de semimanufacturas non químicas (32,3 % do total, incrementáronse un 8,6 % interanual) e bens de equipo (20,8 % do total, subiron un 18,5 % interanual).

As importacións de Ourense (0,2 % do total) alcanzaron a suma de 278,1 millóns de euros e creceron un 10,5 % interanual.

O saldo comercial dos seis primeiros meses do ano situouse en 143,5 millóns de euros, un 2,2 % máis que o rexistrado no primeiro semestre de 2016.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta