martes, 15 de agosto de 2017

A dura loita contra a actividade incendiaria

Destacar neste 15 de agosto, o gran esforzo despregado polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) que mobilizou durante o pasado fin de semana 49 medios aéreos, 6 Brigadas de especialistas en extinción, e 2 Unidades  Móbiles de Análises e Planificación, para combater as chamas en 17 incendios forestais declarados en 6 Comunidades Autónomas e Portugal.

O dispositivo aéreo estivo composto por avións anfibios de 5.500 e 3.100 litros, avións de carga en terra de 3.100 litros e  helicópteros de 4.500 e 1.100 litros de descarga. Tamén formaban parte deste dispositivo, 4 avións de Comunicacións e Observación, que gravan imaxes aéreas do incendio e 2 drons  para vixilancia nocturna da evolución do sinistro.   

Con estes medios atendéronse as peticións de colaboración das Comunidades Autónomas de Andalucía, Aragón, Castela e León, Comunidade Valenciana, Estremadura e Galicia, así como de Portugal, para axudar nos labores de extinción. Os medios aéreos e terrestres traballaron en Lucena  (Córdoba), Aljaraque e Santa Olalla del Cala  (Huelva), Xaén, Las Peñas de Riglos (Huesca), Ores (Zaragoza), Hermisende (Zamora), Teulada (Alacante), Casillas de Coria e Santibañez o Alto (Cáceres),  Agolada Pontevedra). E tamén na miña provincia en Vilariño de Conso, A Gudiña, e Parada de Sil (Ourense).
   
Tamén se desprazaron anfibios a Portugal para colaborar co país veciño na loita contra os incendios dos distritos de Leiria e de Santaren e do Municipio de Palaçoulo.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia, informaba que onte ás 18,24 h. quedou controlado o lume que comezou o sábado ás 13,06 horas no concello de Vilariño de Conso, parroquia de Castiñeira. Segundo novas estimacións afecta a 119,68 hectáreas, das cales 2 son de arboredo e o resto de monte raso. Na súa extinción traballan 10 axentes, 35 brigadas, 16 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 3 avións.

Unha vez máis o meu recoñecemento público a todos os profesionais que loitan contra os incendios forestais en Galicia, tanto ao persoal da propia Xunta como dos corpos e forzas de seguridade do Estado, Ministerio de Agricultura, Exército, Protección Civil, etc. 

Desgraciadamente volvemos ter unha elevada actividade incendiaria,especialmente en horas nocturnas, nas que os medios aéreos non poden actuar e con varios focos simultáneos en puntos próximos, para dificultar os labores de extinción. 

Mesmo as veces prenden lume nas proximidades das estradas para fuxir con rapidez., creando graves problemas na circulación viaria. esta foto tomada nas proximidades de Verín é un exemplo.

A pesar das dificultades, a eficacia do operativo en Galicia póñense de manifesto polo feito de que, a maior parte dos lumes quedan reducidos a conatos (por baixo dunha hectárea de monte raso ou media hectárea de arboledo). O tempo medio de reacción situouse nestes casos ao redor dos 20 minutos, un dato que tamén ilustra a gran profesionalidade do dispositivo. 

Unha vez máis lembrar que nesta época de perigo alto de incendios, que se estende entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, están permanentemente mobilizadas unhas 7.000 persoas para loitar contra o lume en Galicia.

Grazas e ánimo a todos eles.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta