O Goberno aproba o teito de gasto do Estado para 2018, que aumenta un 1,3% sobre o de 2017

Esta mañá o Consello de Ministros revisou as previsións remitidas a Bruxelas o pasado mes de abril no Programa de Estabilidade, elevando a taxa de crecemento para este exercicio do 2,7% ao 3%, e para 2018 do 2,5% ao 2,6%.

O ministro de Economía, Industria e Competitividade, Luís de Guindos, afirmou que "é unha revisión moi prudente, perfectamente alcanzable e sería moi difícil" que non se cumprise. De feito, o ministro indicou que é "moi inferior á que están a realizar o resto de analistas" e ao "consenso do mercado".

De Guindos destacou que as exportacións de bens e servizos representan a variable máis dinámica da economía española, xunto co investimento, e  que "está a tirar do crecemento á alza" grazas a factores como a mellora da competitividade, a recuperación da economía europea e a evolución do tipo de cambio do euro.

O novo escenario macroeconómico prevé unha achega positiva do sector exterior de ao redor de medio punto, que se prolongará, polo menos, durante cinco anos desde 2016. Ademais, contempla un aumento das exportacións próximo ou superior ao 5% durante 2017-2020, é dicir, con novos máximos históricos.

En canto á demanda interna, contribúe ao crecemento con máis de dous puntos durante o período 2017-2020, o cal é compatible con niveis de inflación reducidos. As ganancias de renda dos fogares e a creación de emprego manteñen en cifras próximas ao 2,5% o aumento do consumo privado ao longo do período.

O ministro resaltou que o novo patrón de crecemento combina a demanda doméstica positiva coa achega das exportacións netas do sector exterior.

Ademais, De Guindos remarcou que levamos catro exercicios con superávit na conta corrente da balanza de pagos e que, se se cumpren as "proxeccións prudentes" do Goberno, teremos "oito anos con superávit".

 Baixada do paro

 
O titular de Economía explicou que a proxección do Executivo é crear máis de dous millóns de postos de traballo entre os exercicios 2016 e 2020, de tal forma que en 2019 superaríanse os 20 millóns de traballadores ocupados e, no ano 2020, "atopariámonos/atopariámosnos cun  nivel de emprego por encima do que tiñamos antes do inicio da crise". "España recuperou xa o nivel de renda que tiñamos no ano 2007, no segundo trimestre deste ano, pero aínda estamos lonxe en termos de emprego",asegurou.

En canto ao número de desempregados, Luís de Guindos sinalou que baixaría practicamente en 1.700.000, o cal supón unha caída da taxa de paro en 7,5 puntos a finais do ano 2020.

O ministro lembrou que a taxa de paro en 2013, o peor momento da crise, era do 27%. O Goberno proxecta deixala lixeiramente por encima do 11% en 2020, o que supón recortar a taxa en 16 puntos, é dicir, reducila en máis da metade.

2018, un punto de inflexión

O Goberno tamén aprobou os obxectivos de estabilidade orzamentaria e de débeda para o período 2018-2020, así como o teito de gasto do Estado para o próximo ano, co que se inicia o proceso de elaboración dos Orzamentos Xerais para 2018. O ministro de Facenda e Función Pública, Cristóbal Montoro, defendeu que eses obxectivos "son os que necesita a economía española para seguir impulsando o crecemento e a creación de emprego, que é o que está a mellorar a vida das familias españolas".

En canto aos obxectivos de estabilidade, o déficit do conxunto das Administracións Públicas pasará do 3,1% do PIB deste ano ao 2,2% en 2018, co que España cumpriría as recomendacións do Consello Europeo e abandonaría o procedemento por déficit excesivo.

 Montoro asegurou que se trata de "un punto de inflexión absolutamente crucial", xa que España superou a barreira do 3% de déficit público durante unha década enteira. "É fundamental que non haxa dúbidas nin en España nin en Europa de que imos cumprir ese compromiso",dixo.

O déficit total das Administracións seguirá baixando durante o resto do período: en 2019 será do 1,3% do PIB, e ao ano seguinte do 0,5%.

A distribución dese déficit, apuntou o ministro, é a xa presentada na Comisión Nacional de Administración Local e no Consello de Política Fiscal e Financeira. As entidades locais atoparanse en equilibrio orzamentario en 2018, as comunidades autónomas alcanzarano en 2019 e a Administración Central, en 2020. Pola súa banda, a Seguridade Social irá reducindo o seu déficit ata situalo no 0,5%. O ministro sinalou que "o máis probable" é que en 2020 algunhas das tres Administracións para as que se prevé equilibrio rexistren superávit, o que compensaría o déficit da Seguridade Social.

Moderado aumento do gasto do Estado

Respecto da débeda pública, Montoro explicou que pasará da contorna do 99% do PIB para o total das Administracións Públicas neste exercicio ao 92,5% no ano 2020. A baixada "moi substancial", indicou, deberase á continuidade do crecemento e á redución do déficit público. "Isto é moi importante -afirmou - porque significa que baixará tamén a débeda externa de España fronte ao resto do mundo e teremos, por tanto, a posibilidade de financiar moi correctamente a continuidade do crecemento económico".

O límite de gasto non financeiro do Estado para 2018, calculado de acordo cunha evolución "razoable" dos ingresos tributarios dispoñibles, ascende a 119.834 millóns de euros, segundo detallou Montoro. Respecto ao Orzamento de 2017, esa cantidade supón un aumento de 1.497 millóns, un 1,3% máis. "Despois de tantos anos véndoo baixar sistematicamente, o límite de gasto do Estado agora xa aumenta, moderadamente pero aumenta", resaltou o titular de Facenda.


Ese incremento permitirá reducir o déficit público en seis décimas, financiar as administracións territoriais e aumentar os fondos para as clases pasivas e a retribución dos funcionarios. En canto aos ministerios, terán unhadispoñibilidade de gasto ao redor dos 35.000 millóns de euros. "É unha cifra que tamén mellora algo, pero non moito, en relación co que foi a política do Goberno de contención do gasto nos ministerios para poder facilitar o financiamento correcto dos grandes servizos públicos, sobre todo os de ámbito social", sinalou Montoro.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 


Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.